O Concello de Lousame compartiu a súa axenda de actividades para festexar o Nadal.
A sala de exposicións municipal da Casa da Cultura de Lousame acollerá, do 20 de decembro ao 28 de febreiro, a mostra Obra recente: Contrastes + vieiros do artista José Luís Veiras Manteiga, residente na parroquia de Camboño e nomeado fillo adoptivo do Concello de Lousame o pasado mes de agosto.

Unha das novidades deste ano é a visita de Papá Noel, que estará durante a mañá do 23 de decembro na Casa da Cultura de Lousame para recibir aos nenos e nenas do municipio, que poderán entregarlle a súa carta en man en horario de 11:00 a 14:00 horas. Paralelamente, o Concello de Lousame organizará tres quendas dun Obradoiro de Adornos de Nadal, que terán lugar ás 11:00 (para nenos e nenas de 5 ao 8 anos) e ás 12:00 e 13:00 horas (para crianzas de 8 ou máis anos).
A visita a Papá Noel é totalmente libre e de balde, mentres que para participar nos obradoiros será preciso anotarse previamente a través de Bandoticket, onde terán preferencia os nenos e nenas empadroados en Lousame, que poderán apuntarse en exclusiva ata o venres 19 de decembro. A día de hoxe, xa están esgotadas as entradas para a quenda do mediodía.
O domingo 28 de decembro celebrarase unha nova edición do Trail de Lousame. O Concello oferta un total de 600 prazas para o Trail de Lousame: 300 para o Trail Longo (15€) e 300 para o Trail Curto (10€). Ambas probas terán lugar o domingo 28 de decembro, con saída do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e unha espectacular subida ao monte Muralla, un dos miradoiros máis populares da comarca. As inscricións están abertas en www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 horas do 24 de decembro ou ata completar o cupo de prazas.
O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.140 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.
O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.
O domingo 4 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, terá lugar as 3H Resistencia Lousame, organizada polo Club BTT Triatlón O Treito-Lousame, en colaboración co Concello. Estrearán novo circuíto, con base no polideportivo Pilar Barreiro Senra. As inscricións están abertas na Federación Galega de Ciclismo (fgalegaciclismo.es).
E a programación de Nadal rematará coa tradicional Recepción e Festa de Reis Magos, que este ano terán lugar en xornadas separadas. Así, o domingo 4 de xaneiro terá lugar unha gran Festa de Reis Magos no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Haberá xogos, obradoiros, inchables, lambonadas, música e chocolate con churros de balde para toda a rapaza que retire a entrada gratuíta dispoñible en Bandoticket, con prazo de inscrición exclusivo para os empadroados de Lousame ata o 4 de xaneiro.
Un día máis tarde, o luns 5 de xaneiro, de 10:30 a 14:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a Recepción dos Reis Magos, para a que tamén é preciso anotarse en Bandoticket.



