
UCIN Boiro emitiu un comunicado no que manifesta a súa “profunda preocupación” tralo derrube da antiga Casa da Cultura, previsto no proxecto de remodelación do inmóbel impulsado polo Concello co apoio do Goberno en materia de financiamento. Para a agrupación que en Boiro lidera Miguel Piqueras, “trátase dunha nova obra que os veciños non solicitaron en ningún momento e que suporá un gasto de 4.000.000 de euros, cifra que consideramos un malgasto inxustificábel fronte ás necesidades máis urxentes da veciñanza”. Para UCIN Boiro, “esta actuación exemplifica un modelo de xestión afastado da realidade social do concello e da opinión cidadá”, e “a destrución dun edificio público cargado de historia e memoria colectiva supón unha ferida difícil de pechar para moitos veciños e veciñas, así como para numerosos colectivos sociais e culturais que durante décadas fixeron dese espazo un lugar de encontro, creación e convivencia”.
E engaden: “Baixo os cascallos non só quedaron paredes, senón tamén lembranzas, vivencias e unha parte fundamental da identidade colectiva de Boiro, deixando tras de si moitos recordos perdidos e moitos corazóns rotos”. Sinalan tamén que “mentres o Concello destina 4.000.000 de euros a unha obra que a veciñanza non pediu, Boiro continúa sen dispor dunha residencia pública da terceira idade, unha eiva histórica que leva anos sendo reclamada por familias, colectivos sociais e profesionais do sector, situación que obriga a moitas persoas maiores a abandonar o seu municipio para poder acceder a unha praza, ou ben a permanecer nos seus fogares sen os apoios necesarios, trasladando unha carga inxusta ás familias”.
Desde UCIN Boiro consideran que “a falta dunha residencia da terceira idade non é un problema secundario, senón unha auténtica emerxencia social”, e que “o progresivo envellecemento da poboación é un feito coñecido e perfectamente previsíbel, polo que resulta incomprensíbel que un goberno con maioría absoluta continúe priorizando un gasto millonario nun proxecto contestado pola veciñanza fronte a necesidades básicas e urxentes, como son os servizos de coidado ás persoas maiores”.



