O Concello de Boiro iniciou as obras de rehabilitación integral da Casa da Cultura de Boiro, un proxecto de 3.854.895 euros e que conta con financiamento do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel e o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana mediante o PIREP Local. O alcalde, José Ramón Romero, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisaron o inicio das obras este martes 16 de decembro.
Na visita participaron tamén o tenente de alcalde, Luís Ruiz; a concelleira de Cultura, María Outeiral; o arquitecto municipal e redactor do proxecto, Emilio Piña; e representantes da empresa adxudicataria.

O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a visita do Delegado do Goberno e a implicación do Goberno de España no financiamento desta actuación “que vai supoñer un antes e un despois na programación cultural do municipio, permitindo albergar espectáculos acordes ás necesidades actuais e coidando a accesibilidade universal da que a instalación carecía nestes momentos”.
A nova arquitectura, dixo, “vai renovar completo o edificio actual, construído en 1988 e que conta con 1792 metros cadrados de superficie, e transformarase nun inmóbel de 2.927 metros cadrados para adaptarse ás novas necesidades e servizos no que van convivir a área administrativa, a biblioteca e o auditorio”.
A área administrativa estará conformada unha nova zona de traballo para a atención ao público con despachos e espazos totalmente accesíbeis; así como unha sala de reunións polivalente, almacén e arquivo, engadiu.
A biblioteca estará adaptada ás novas necesidades e requirimentos actuais con catro espazos diferenciados. Por un lado un clásico espazo de arquivo e deposito de fondos; aula de estudo para 32 postos, que disporá cada un de iluminación individualizada e sistemas de carga para dispositivos; un espazo informático illado, con 8 postos; e un espazo específico para ludoteca e actividades infantís de fomento da lectura como as que xa se veñen desenvolvendo na actualidade.
O gran protagonista desta reforma vai ser o auditorio, que ampliará a súa capacidade para un total de 535 espectadores, unha ampliación do 46% con respecto á súa capacidade actual; un espazo versátil que permitirá o uso flexíbel cunha ocupación do 50%, 70% ou 100%.
O rexedor indicou que o auditorio “ser un espazo cun deseño fono-acústico pensado para a máxima calidade de son, con butacas de fabricación española de máxima comodidade e ergonomía”. O espazo do auditorio completarase con camerinos, espazo de almacén, unha sala polivalente que permitirá actividades de formación, un vestíbulo principal para a realización de actos e a renovación integral dos aseos.

A totalidade do edificio e está deseñado para que o balance de emisións e consumo sexa cero mediante a mellora do illamento térmico, mellora da iluminación cun sistema de moi baixo consumo, sistemas de calidade de aire interior con renovación, instalación de sistemas de xeración de enerxía fotovoltaica. “Todo isto vai permitir pasar do edificio actual, cunha cualificación enerxética E a un de cualificación enerxética A”, engadiu o rexedor.
Ademais, o novo edificio contará con accesibilidade plena e universal dende a avenida da Constitución, para o que se vai crear un percorrido con zonas de sombra e descanso a modo de gran vestíbulo exterior con pendentes inferiores ao 7% que permita conectar o inmoble coa rúa.
A actuación conta co financiamento do Goberno de España a través do Programa de Impulso á rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) Local e que chega a todas as vilas de Galicia con criterio, “xa que investimos onde o necesitan os concellos galegos, dando resposta aos problemas da súa veciñanza”, recoñeceu Pedro Blanco.



