A Fundación RIA, entidade coordinadora do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, organiza o 18 de decembro unha mesa de debate para explorar como a cooperación e a xestión compartida poden impulsar iniciativas agroecolóxicas con maior impacto. O Laboratorio Ecosocial traballa para fortalecer a planificación e acción comunitaria como resposta a retos estruturais como a emerxencia climática, o despoboamento e a necesidade de avanzar cara a unha gobernanza máis participada dos recursos. A cita será estes 18 de decembro ás 11.30 h baixo o epígrafe Construíndo en común a transición
agroecolóxica en Galicia.
A sesión explorará como a cooperación, a planificación territorial e a xestión compartida dos recursos poden converter iniciativas dispersas en proxectos colaborativos capaces de multiplicar o seu impacto social, ambiental e económico. O debate situarase no contexto dun territorio que procura novas formas de gobernanza e articulación local para afrontar retos estruturais como o abandono, a perda de actividade agraria ou a necesidade dun uso máis sustentable da terra.

A mesa estará moderada por David Soto, profesor de Historia Contemporánea e investigador do CISPAC (USC), e contará coa participación de Manuel González, catedrático de Historia Contemporánea na Universidad Pablo de Olavide de Sevilla destacado no ámbito das transformacións agrarias; Carme Freire, dinamizadora e produtora do obradoiro colaborativo Transformando en Brión; e Miguel Fernández, técnico de proxectos da Fundación TERREO.
A asistencia é gratuíta, mais por cuestións de aforo recoméndase confirmación a través de eventos@casaria.org.
A actividade forma parte do programa público da exposición do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto coordinado pola Fundación RIA e apoiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Un proceso aberto de consulta pública
Como complemento ao encontro, a Fundación RIA activa unha consulta pública en liña aberta á cidadanía co obxectivo de recoller percepcións e experiencias sobre como a cooperación, a planificación territorial e a xestión compartida dos recursos poden contribuír a que as iniciativas agroecolóxicas medren e evolucionen cara a modelos colaborativos con maior impacto social, ambiental e económico.
A enquisa é anónima e complétase en só tres minutos.

Un proxecto colectivo para repensar o territorio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza xorde en 2020 como un proxecto colaborativo que, ao longo destes seis anos, foi reunindo comunidades locais, universidades, administracións e entidades sociais co obxectivo de actualizar e reforzar as prácticas de xestión comunitaria do territorio.
Partindo da historia e do coñecemento das comunidades de montes veciñais en man común, o Laboratorio combina investigación, planificación e acción práctica para impulsar un modelo de desenvolvemento multifuncional, cooperativo e sustentábel.
Tras unha primeira fase de investigación participativa e de recoñecemento das iniciativas innovadoras existentes na península do Barbanza, o proxecto consolidouse en 2023 grazas ao impulso de 2 millóns de euros da convocatoria de bioeconmía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Este setembro, a falta duns meses do remate desta axuda, o proxecto foi recoñecido polo MITECO como unha das 39 iniciativas exemplares do PRTR, destacando entre máis de 1.000 proxectos subvencionados pola súa capacidade de coordinación entre axentes públicos e locais, e polo seu impacto ambiental e social no territorio.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza diríxese a converter a cooperación local nun motor de innovación territorial, conectando o coñecemento científico coa experiencia comunitaria. O seu enfoque integral —ambiental, social e económico— converte o proxecto nun modelo replicábel para outros territorios rurais de Galicia e de Europa, capaz de traducir as políticas públicas en accións consensuadas e coherentes coa realidade local.
Exposición en Casa RIA
A exposición Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio propón un percorrido polas principais fases e aprendizaxes do proxecto. A través de paneis, mapas, imaxes e materiais audiovisuais, os e as visitantes de Casa RIA poderán coñecer a partir de hoxe como o traballo conxunto das comunidades de montes do Barbanza está a reverter procesos de abandono agrario, impulsar economías locais e fortalecer a biodiversidade. O acceso á exposición é libre no horario de apertura de Casa RIA (de luns a sábado, de 10 a 17 h).
A mostra complétase cunha programación continua de actividades que se estenderán nos próximos meses, ata o peche da mostra o día 24 de xaneiro. En Casa RIA celebraranse conversas e debates abertos ao público, mentres que no Barbanza terán lugar obradoiros, visitas, accións de formación e actividades de voluntariado.
O ciclo de encontros en Casa RIA incluirá cinco conversas ao longo dos próximos meses sobre temáticas vinculadas ao proxecto, como a xestión comunitaria do territorio, o uso da madeira de proximidade na construción, a gandería rexenerativa como ferramenta económica e ambiental, o papel das comunidades na transición enerxética e a formación no medio rural.



