A convivencia na coñecida rúa da movida, no ribeirense barrio de Bandourrío, onde se concentran a maioría dos locais de ocio nocturno, volveu tensarse esta fin de semana tras un grave incidente rexistrado arredor das catro da mañá, coincidindo coa hora de peche dos bares e coa presenza de numerosos mozos na vía pública.
Segundo explican hostaleiros da zona, un home de máis de 60 anos, que reside nesta mesma rúa e que acumula numerosos conflitos veciñais polo ruído, perdeu a paciencia e saíu recriminarlle o comportamento a un grupo dunha ducia de mozos e mozas, maioría recentemente maior de idade e veciños de Ribeira e Porto do Son.

A reprimenda derivou nunha agresión: o home ameazounos cun coitelo e lanzoulles gas pementa á cara, provocando irritación ocular en varios deles. Algúns dos afectados tiveron que ser atendidos en Urxencias, segundo confirmou unha testemuña, que asegura que os mozos presentaban tamén “manchas brancas” que poderían corresponderse con algún outro produto.
O propio agresor tamén precisou asistencia sanitaria, polo que coincidiron no PAC. Nese momento producíronse novos altercados: un dos mozos, en plena discusión, arremeteu contra o home, pero acabou golpeando accidentalmente un axente da Policía Nacional que intentaba intervir. O policía resultou ferido e está de baixa.
O mozo foi detido por agresión á autoridade, mentres que o home foi arrestado por ameazas graves. Ambos quedaron en liberdade á espera de xuízo.
Un historial de incidentes previos
Hostaleiros e veciños aseguran que non é a primeira vez que este residente protagoniza episodios violentos na zona, lembrando anteriores ameazas con armas brancas e incluso unha detención pola posesión dun suposto arsenal na súa vivenda.
“Saíu cunha pistola, outras veces cun puño americano ou cun machete”, lamentan profesionais da hostalería, que aseguran que a situación se prolonga desde hai anos.
A tensión na zona tamén se deixa sentir entre os propios veciños, que recoñecen estar “moi queimados” pola convivencia entre o ocio nocturno e as vivendas. Algunhas testemuñas admiten reaccións impulsivas ante os ruídos ou actos vandálicos, como golpes a portas ou altercados puntuais.
Á espera de xuízo
Os dous detidos afrontan agora o proceso xudicial correspondente. O mozo implicado mostrou arrepentimento polos feitos, mentres que o outro home non descarta volver actuar do mesmo xeito, segundo trasladaron fontes próximas ao caso.



