O Hospital da Barbanza incorporará nas vindeiras semanas novo equipamento de última xeración para o seu servizo de radioloxía, tras a adxudicación por parte da Xunta de dous lotes do contrato de subministración de tecnoloxía sanitaria destinado a diversos hospitais galegos por un valor total de 1,17 millóns de euros.

A través dun investimento de 249.260 euros, a empresa General Electric Healthcare España S.A.U. dotará ao centro barbanzán dunha sala de raios X robotizada con suspensión de teito, que permitirá optimizar a atención diagnóstica e mellorar a precisión das probas. Ademais, instalarase un sistema dixital de radioloxía portátil, valorado en 111.320 euros, que facilitará a realización de estudos radiolóxicos en distintas áreas do hospital con maior axilidade e comodidade para os pacientes.



