
Cada vez hai máis listas de espera para poder ser atendido nos centros de atención primaria ou nos hospitais públicos. Algunhas persoas xa optan por acudir ao servizo de urxencias para ser atendidos das súas doenzas. O desmantelamento da sanidade pública, en moitas comunidades autónomas do noso país, é algo evidente máxime cando intervén a xestión privada sen ningún tipo de control e buscando o máximo beneficio empresarial.
Hai demasiados gobernantes que non apostan pola sanidade pública, a pesar dos seus falsos discursos, son máis favorables á xestión privada para obter algún que outro “agasallo” e manter as “portas xiratorias” cando sexan necesarias e un xa non estea na Administración Pública. Non coñecen a vergonza nin senten remorso algún pola vida das persoas, unicamente pensan nos seus intereses particulares.
Desde a sociedade civil temos que ser máis contundentes na defensa do noso dereitos básicos e esenciais, os ricos, poderosos e privilexiados non teñen problema para acudir a centros privados, en caso necesario e de vital importancia para a súa propia existencia. As mobilizacións ou concentracións populares xa se están quedando insuficientes, porque os gobernantes rin delas e haberá que esixir o cumprimento da legalidade vixente a través dos propios tribunais de xustiza, mediante denuncias colectivas e a través do voto consciente.



