
A agrupación teatral Os Quinquilláns vai estar este venres 5 de decembro no marco das homenaxes do Ano Castelao: unha programación cultural con epicentro en Rianxo que celebra o 75 cabodano do ilustre escritor, artista e político.
Os Quinquilláns representarán Cousas de Castelao, este venres 5 ás 21.00 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio. A entrada será de balde até completar a capacidade (con retirada de convites dende unha hora antes do comezo da función).
Trátase dunha peza para maiores de 12 de anos dunha hora aproximada de duración.
Os Quinquillans celebran o Ano Castelao cunha divertida versión de Cousas na que están presentes os grandes temas do orixinal: ecoloxía, solidariedade, emigración, xustiza social… O retranqueiro burro dun dos contos, trasunto do propio Castelao, enlaza as escenas entre as que se encontran O pai de Migueliño, A Marquesiña, O escuro caletre de Martiño ou Aínda eu non nascera.
Orjais, responsábel do Fondo Local de Música de Rianxo, incorpora un tema de Aida Saco e pezas vinculadas a Castelao coma o Alalá do mozo, interpretado na estrea en Bos Aires de Os vellos non deben de namorarse ou unha muiñeira cantada por Castelao a Jesús Bal y Gay e recollida no seu cancioneiro.



