O Centro de Día de Porto do Son acolleu a semana pasada, da man da Concellería de Cultura, unha actuación musical da compañía Polo Correo do Vento. Foi, en palabras do Concello, “unha mañá para construír lembranzas e compartir risas e cantos” e na que “as persoas usuarias gozaron dun contacontos no que se combinou oralidade, ilustración e música para render unha sentida homenaxe ás cantareiras galegas”.

Polo Correo de Vento é unha compañía centrada en achegar actividades que fomenten a lectura e a creatividade e reivindiquen a nosa cultura tradicional. O seu contacontos ilustrado Cantareiras. A poesía popular das Letras Galegas 2025 encádrase nas celebracións do pasado 17 de maio. O espectáculo incluíu no Centro de Día de Porto do Son unha presentación oral centrada na importancia das cantareiras para a nosa cultura, cancións e directo, o deseño dun mural e mesmo a creación de ilustracións por parte das persoas participantes.




