
O espírito do Nadal tomou a tarde deste domingo as rúas de Padrón co acendido oficial das luces, un acto que congregou a milleiros de persoas no casco histórico. Pouco despois das seis da tarde, a nova iluminación brillou ante os aplausos do público, que tamén puido gozar da música da charanga Mekánika Rolling Band e das animacións das Bonecas Lareta-Magic Brothers, que fixeron as delicias de pequenos e maiores.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, xunto con membros do goberno municipal, percorreu as rúas acompañado polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e parte do seu executivo. Arca destacou a importante implicación das once empresas colaboradoras, que contribuíron con máis de 21.000 euros para reforzar a iluminación tanto no centro histórico como nas parroquias.
O rexedor agradeceu o apoio empresarial e sinalou que “a colaboración público-privada beneficia a toda a cidadanía”, subliñando que esta cooperación permite ampliar iniciativas municipais e consolidar a Padrón como “un punto de referencia do Nadal en Galicia”. Tamén trasladou o agradecemento polos parabéns recibidos da veciñanza polo resultado final do alumeado: “polo fermoso que quedou o pobo”.

Arrinca a campaña dos Bonos Padrón
A programación de Nadal continúa mañá, luns 1 de decembro, coa posta en marcha da campaña dos Bonos Padrón, destinada a dinamizar o comercio e a hostalería locais. Entre as 11:00 e as 18:00 horas, nos baixos da Escola de Música (praza da Igualdade), as persoas empadroadas poderán retirar ata dous bonos de 10 euros cada un para utilizar en compras superiores a 20 euros en máis de 60 establecementos adheridos.
O Concello destina 20.000 euros de fondos propios para repartir 2.000 bonos. A retirada estará reservada para veciños e veciñas empadroados os días 1, 2 e 3 de decembro, e a partir do día 4 poderá facelo calquera persoa interesada. Os bonos poderán empregarse ata o 31 de decembro.




