O Concello de Boiro izou novamente a Bandeira Verde de Galicia, un galardón que premia aos municipios da comunidade autónoma que destacan polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe. O alcalde, José Ramón Romero, xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Olga González, izaron este xoves 27 de novembro o distintivo na compaña da consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Esta iniciativa da que participa o Concello de Boiro, busca distinguir aos concellos máis dinámicos e que desenvolven prácticas para o coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2 ou a redución do consumo enerxético, entre outras.
“Boiro é un municipio moi dinámico en todos os eidos e dende este goberno facemos unha gran aposta en materia medioambiental para reducir a cabo as emisións e camiñar a un municipio mais sostible”, recoñeceu o alcalde.
O Concello de Boiro conta cunha poboación de 18.984 habitantes onde o 64,25% se concentra nos núcleos de Boiro, Pesqueira, Escarabote, Escarabotiño, Peralto, A Igrexa, Abanqueiro e Triñáns, emprazados na franxa costeira. As principais actuacións que se desenvolven no marco desta candidatura inciden na interconexión dos núcleos rurais coas zonas máis poboadas como as incluídas no Plan de Mobilidade Urbana do Concello de Boiro.
Dende o Concello destacaron que “o núcleo urbano dinamizase grazas á rede comercial existente e ao mercado municipal, no que se levou a cabo recentemente unha inversión procedente de fondos Next Generation para a modernización do Centro Comercial Aberto”.
No referente a servizos prestados polo Concello está a xestión de residuos, “que dá prioridade á reciclaxe e á eliminación de vertedoiros mediante a adquisición de puntos limpos móbiles”, salientou o Goberno local, destacando que tamén se incluíron nesta candidatura “as accións para a redución de gases de efecto invernadoiro como o Pacto de Acción polo Clima e Enerxía Sostíbel (PACES), un documento que se renova periodicamente para revisar os obxectivos marcados e fixar novos compromisos; e tamén a cuberta do parque infantil con iluminación solar fotovoltaica”.
O Concello incide tamén “na sensibilización e comunicación que tratan de informar á cidadanía das problemáticas locais tanto do medio ambiente urbano como ao medio ambiente natural a través de programas cos centros de ensino”.
A Xunta destaca as 33 bandeiras verdes entregadas en 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou este xoves en Boiro “as 33 bandeiras verdes entregadas este ano pola Xunta de Galicia como exemplo do compromiso dos concellos coa protección ambiental e o coidado da paisaxe”.

Durante o izado deste distintivo concedido ao Concello de Boiro, a conselleira incidiu en que en 2025 outorgáronse nove recoñecementos máis que o ano pasado, o que supón un incremento de máis do 37%. De feito, dixo, c”ada ano son máis os concellos que optan a este distintivo –2 na primeira convocatoria en 2020 fronte aos 33 deste ano-, o que é exemplo da crecente aposta das administracións locais polas boas prácticas ambientais e a protección e conservación da paisaxe”.
Nese senso, e para seguir avanzando na cooperación e colaboración para o desenvolvemento de iniciativas neses eidos, a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, da que poderán formar parte aqueles municipios que teñan, polo menos, tres destes distintivos desde o ano 2020.
A conselleira lembrou que a concesión deste recoñecemento dá visibilidade a estes concellos como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para protexer o medio ambiente e a contorna paisaxística; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Ademais, obter unha Bandeira Verde supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.
No caso concreto de Boiro, logo de recordar que é a segunda vez que é recoñecido coa Bandeira Verde, a conselleira explicou que o municipio cumpre “amplamente” os requisitos para obter este distintivo.



