
Cando en España tentamos falar de música e de entidades musicais organizadas mesmo en poboacións pequeneiras, sempre se pon como exemplo a seguir a hoxendía comunidade autónoma de Valencia como símbolo desa entrega sinxela e desinteresada á música por parte dunha poboación que sempre tivo a gala amar esta. Pero tamén Galicia ten partitura que tocar neste eido.
Tanto na primeira coma na segunda repúblicas, as bandas de música eran santo e sinal de norte a sur e de leste a oeste. Mesmo se da o paradoxo de que grandes músicos integrantes de potentes bandas de música que percorrían as comarcas a bordo de camionetas durante a temporada de festas, lían sen dificultade algunha partituras de obras musicais que interpretaban polo mediodía (na hora da misa), nas procesións e, pola tarde-noite, nas verbenas tradicionais. Deses músicos que eran quen de ler as partituras máis ou menos tradicionais, non eran poucos para os que ler ou escribir era un misterio tan grande coma o da Santísima Trinidade, porque eran analfabetos.
Algún deses músicos formaron parte de grandes bandas de música en comarcas como as de Bergantiños, As Mariñas da Coruña, as rías de Noia, Ortigueira, Viveiro, Pontedeume, Ferrol, etc., de onde posteriormente sairían grandes orquestras que abrirían camiño a formacións que, en si mesmas, son hoxendía verdadeiros espectáculos que arrastran centos, milleiros de espectadores.
Xa en tempos da ditadura aquelas bandas de música convertíanse na tarde-noite en magníficas orquestras que animaban os bailes cos temas musicais de moda a base de instrumentos de vento e corda desde o saxo ao violín, o contrabaixo á trompeta.
Toda esta base persiste, incrementada agora en número e calidade, grazas á adicación por concellos e entidades dos fondos necesarios para a fundación e mantemento de conservatorios de música onde se forman os rapaces que fornecerán non só os grupos musicais, senón tamén as grandes orquestras sinfónicas e filharmónicas que xurden -en boa hora- á beira de homes e mulleres galegos que substitúen en grande medida aos profesores que inicialmente integraron, por exemplo, á Sinfónica ou a Filharmónica de Galicia coas súas orquestras xoves das que se nutren posteriormente as grandes formacións como as xa citadas.
Son pasos transcendentais que han facer, sen dúbida, unha Galicia nova musicalmente falando, da que tamén a Xunta de Galicia ten moito que dicir.


