Membros do equipo directivo da Corporación Empresarial CONGALSA desprazáronse este venres 7 de novembro ata Porto para manter un encontro con responsables da Associação Empresarial de Portugal (AEP), co obxectivo de estreitar os lazos de colaboración coa patronal do país irmán, onde a empresa da Pobra ten unha importante liña de traballo. De feito, unha das firmas máis destacadas da Corporación, Sulpasteis, opera desde Sarzedo Arganil, no distrito de Coimbra, consolidando a presenza industrial de CONGALSA en territorio luso.
Por parte da empresa do Barbanza participaron na reunión Luis Simarro, responsábel de Filial da Corporación, e Isabel Cañas, directora de Relacións Externas. En representación da AEP estivo presente Miguel Matos, director de Relacións Institucionais.

Colaboración continua
Esta visita enmárcase no obxectivo de CONGALSA de participar de forma máis activa nas iniciativas promovidas pola AEP, coa que mantén unha relación de colaboración constante nos últimos anos.
Durante a recente celebración da feira Conxemar, responsables da AEP visitaron o espazo expositivo conxunto de CONGALSA e Sulpasteis no IFEVI, e, tempo antes, o presidente do Consello de Administración da propia AEP, Luís Miguel Ribeiro, percorrera as instalacións da filial portuguesa do grupo.
No encontro destes venres, Simarro e Cañas tamén tiveron a oportunidade de coñecer o recinto de Exponor, na cidade do Porto. Integrado na AEP, unha institución con máis de 175 anos de apoio ao tecido empresarial portugués, Exponor consolidouse como un referente na organización de feiras e eventos profesionais. A súa traxectoria e experiencia convértena nun espazo clave para promover o intercambio de coñecemento e as oportunidades de negocio nun mercado en constante evolución.
O responsábel de Filial da Corporación Empresarial CONGALSA, Luis Simarro, puxo en valor esta reunión sinalando que “a visita permitiunos reforzar unha relación que xa viña sendo moi estreita. CONGALSA e a AEP están agora máis unidas que nunca no seu compromiso por impulsar a colaboración empresarial e o desenvolvemento conxunto entre Portugal e España.”



