Amicos celebra o Samaín cunha gran festa inspirada no Día dos Mortos mexicano

30 Outubro 2025

O remate do mes de outubro trouxo de novo unha das datas máis agardadas para a mocidade de Amicos: o Samaín. Un ano máis, o Centro de Atención Integral de Boiro transformouse (este xoves 30 de outubro) nun escenario cheo de cor, música, alegría e moitos sustos, coa celebración dunha xornada inspirada no tradicional Día de Mortos mexicano.

Durante as últimas semanas, o espírito do Samaín xa se deixaba sentir nos centros de Amicos. As e os membros da comunidade deron renda solta á súa imaxinación para crear decoracións, cabazas e caracterizacións que fixeron que os espazos se convertesen en auténticos cemiterios mexicanos
cheos de vida, flores e caveiras.

A mañá comezou cunha ambientación festiva e o tradicional desfile polos corredores do centro, no que cada grupo presentou as súas coreografías e disfraces inspirados nas cores e símbolos do Día de Mortos. A creatividade e o bo humor foron os grandes protagonistas dunha xornada na que tamén participaron os pequenos e pequenas do CEEPR de Oleiros.

Non faltaron tampouco os concursos máis esperados: o de cabazas e o de disfraces. O xurado, formado por tres representantes de usuarios, familias e traballadores, tivo moi difícil escoller entre tantas propostas orixinais. Este estivo formado por Digna Iglesias, vicepresidenta da entidade, Dolores Vázquez, actual participante no AFD de Sociosanitaria, e Marina Espinazo, familiar. Finalmente, o grupo dos Peketrines e peketrinas fíxose co premio ao mellor disfrace, mentres que Mexicatrins foi recoñecido como o disfrace máis terrorífico e os Cocoloco destacou polo mellor baile e escenografía.

Os Calavera foron os máis simpáticos da festa e o equipo de Catrinas choronas recibiu o galardón á mellor maquillaxe. Pola súa banda, os Velliños terroríficos foron, como non podía ser doutra forma, os máis terroríficos; e as Mamacoco e os seus mariachis destacaron pola súa caracterización.

No concurso de cabazas, o primeiro premio recaeu na cabaza Ollo saltón de Miguel, mentres que o segundo e o terceiro foron para a cabaza Demonio de Miguel e para a Cárcel de Fran de Pekes respectivamente. Os membros do xurado incidiron en que “os disfraces, como sempre, foron moi creativos e elaborados. O que destacamos deste ano é que non produciron medo, senón que a temática das catrinas deunos moita alegría, foi un desfile moi bonito”. En canto ás cabazas participantes no concurso “levaron moito traballo e requiriron de moita imaxinación”.

Tras unha comida “do máis terrorífica”, a festa continuou pola tarde cunha serie de xogos temáticos e bailes de estilo libre, nos que participaron con entusiasmo tanto usuarios como profesionais.

Un Samaín participativo tamén nas redes

Paralelamente, Amicos impulsou o concurso Samaín: Decoración de portas terroríficas, no que se anima a centros educativos, ocupacionais e de día a compartir nas redes sociais as súas decoracións máis creativas. As fotografías estarán dispoñíbeis no Facebook de Amicos, onde poderán votarse do 4 ao 9 de novembro. A porta gañadora será aquela que reciba máis gústame.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...