GALIX distingue a Manuel Figueiras como Socio de Honra pola súa traxectoria a favor da literatura infantil e xuvenil galega

18 Outubro 2025

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) distinguirá este sábado, 18 de outubro, a Manuel Figueiras como Socio de Honra, en recoñecemento á súa longa e destacada traxectoria como mediador, divulgador, tradutor e promotor do libro galego dirixido á infancia e á mocidade.

O nomeamento pon en valor o labor educativo e cultural de Figueiras, quen exerceu como profesor de Lingua e Literatura Galega en diferentes centros —entre eles, en Ribeira e Noia— e que foi o impulsor da Feira Internacional do Libro Infantil de Chantada, un evento pioneiro que situou Galicia no mapa internacional do libro infantil entre o Salón do Libro da Coruña e o de Pontevedra.

Manuel Figueiras recollendo o premio Irmandade do Libro xunto a Agustín Fernández Paz

A feira, que chegou a reunir 10.000 títulos e un cento de editoriais de países como Alemaña, Colombia, Cuba, Francia, Italia, México, Portugal ou o Reino Unido, destacou pola súa apertura a diversas linguas e culturas, incluíndo idiomas minoritarios europeos como o occitano, o sardo, o frisón ou o friulano. Ademais, contou coa colaboración de recoñecidos artistas galegos como Miguelanxo Prado, Manuel Uhía e Xan López Domínguez, autores dos carteis e imaxes promocionais do evento.

Durante a feira concedéronse os Premios Rañolas do Libro Infantil Galego, que recoñecían os mellores libros publicados o ano anterior. Entre os galardoados figuraron obras emblemáticas como Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo (1994), Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz (1995), O trasno de Alqueidón de Marilar Aleixandre (1996) ou Cidades de Fran Alonso (1997).

Tralo fin da feira, Figueiras creou BLIX, a Biblioteca do Libro Infantil e Xuvenil Galego, un proxecto pioneiro na rede que chegou a reunir máis de 1.700 títulos e 900.000 visitas, converténdose na base de datos máis completa sobre literatura infantil e xuvenil galega. Este traballo foi recoñecido en 2003 co Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia na categoría de medios de comunicación.

Ademais, Manuel Figueiras desenvolveu un intenso labor de tradución, divulgación e promoción internacional da literatura galega, participando en feiras como Bolonia, Frankfurt e La Habana, e coordinando a presenza galega na Feira Internacional do Libro de Cuba. Tamén foi comisario da exposición “Mundos da historia. Historias do mundo”, dedicada aos 50 anos da literatura infantil e xuvenil galega, que se presentou no Congreso Mundial do IBBY e percorreu as principais bibliotecas do país.

Durante a pandemia, Figueiras deu un paso máis na difusión do libro galego converténdose en lector dixital, creando os “Audiocontos da represión” e os “Audiocontos de medo”, con máis de corenta relatos, ademais de manter unha canle audiovisual con milleiros de reproducións.

GALIX destaca que con este recoñecemento quere visibilizar o compromiso e a dedicación dun auténtico activista do libro galego, que contribuíu de maneira decisiva a espallar e dignificar a literatura infantil e xuvenil en Galicia e fóra dela.

Outros artigos

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.