O Concello de Rois impulsa un novo programa formativo con cursos sobre natureza e cultivos

13 Outubro 2025

Baixo o título Natureza e cultivos: flores, hortas e xardíns, o Concello de Rois pon en marcha un novo programa formativo que ten como obxectivo promover o respecto polo medio natural e fomentar prácticas sostíbeis entre a veciñanza. A iniciativa inclúe catro cursos prácticos que se desenvolverán entre novembro e xaneiro e que abranguen diferentes ámbitos relacionados coa arte floral, o uso responsábel de produtos fitosanitarios, a fruticultura e a horticultura ecolóxica. As inscricións estarán abertas a partir do mércores 15 de outubro.

Dirixidos a persoas de todas as idades interesadas no coidado da terra, a xardinería e a produción responsable de alimentos, este novo ciclo formativo organizado polo Concello de Rois combinará contidos teóricos e prácticos e estará impartido por profesionais especializados. As prazas son limitadas e terá prezos accesibles para facilitar a participación do maior número de persoas.

O primeiro dos cursos, de arte floral ornamental, desenvolverase os venres 7, 21 e 28 de novembro, e 5 e 12 de decembro, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Ao longo destas sesións, as persoas participantes aprenderán a crear centros, coroas e grilandas con temáticas de Nadal, empregando técnicas novas e variadas que lles permitirán dar renda solta á súa creatividade e mellorar as súas habilidades decorativas. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 15 ao 31 de outubro e o custo é de 25 euros.

Tamén durante o mes de novembro terá lugar o curso de produtos fitosanitarios, dirixido a quen desexe obter o carné oficial homologado pola Xunta de Galicia e válido en toda España. O curso desenvolverase tanto en Rois (días 22, 23, 29 e 30 de novembro) como en Urdilde (días 8, 9, 15 e 16 de novembro) de 8.00 a 15.00 horas. A matrícula, que inclúe a tramitación e as taxas para a expedición do carné, ten un prezo de 125 euros, e as inscricións poderán formalizarse do 15 ao 22 de outubro.

Xa en xaneiro, o Concello ofrecerá dous novos cursos centrados na práctica agrícola. Por unha banda, o curso de fruticultura, poda e enxertos impartirase os sábados 10, 17, 24 e 31 de xaneiro, de 10.00 a 12.30 horas. As persoas asistentes poderán coñecer os distintos tipos de poda e de enxerto, aprenderán a identificar enfermidades e pragas comúns e realizarán prácticas na horta para aplicar os coñecementos adquiridos. O custo será de 25 euros e as inscricións poderán realizarse do 15 de outubro ao 20 de decembro.

Pola outra, o curso de horticultura ecolóxica, que se celebrará os venres 9, 16, 23 e 30 de xaneiro, de 16.30 a 19.00 horas, ofrecerá unha introdución ás técnicas de cultivo respectuosas co medio ambiente. O programa inclúe temas como a saúde e biodiversidade dos solos, os fertilizados e acolchados naturais, a asociación de cultivos e o control ecolóxico de enfermidades e pragas mediante remedios naturais. Tamén se realizarán prácticas de cultivo en camallón. O prezo será de 25 euros, e o prazo de inscrición estará aberto do 15 de outubro ao 20 de decembro.

As inscricións poden facerse en persoa no edificio multiúsos, telematicamente a través da páxina web municipal (apartado xestións e trámites, formularios de trámites, inscrición actividades municipais socioculturais e servizos sociais) e por teléfono nos números 981 816 061 (Concello) e 981 804 109 (multiúsos).

Este novo ciclo formativo enmárcase na aposta do Concello de Rois por fomentar o respecto polo medio natural, promover prácticas agrícolas sostíbeis e ofrecer á veciñanza oportunidades de aprendizaxe práctica e de ocio saudábel.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.