O Auditorio vello de Ribeira acolleo o pleno de moción de censura que desaloxa a Luís Pérez Barral da alcaldía.
O Auditorio vello de Ribeira converteuse esta mañá no epicentro político do municipio coa celebración dun pleno extraordinario no que se debateu e aprobou a moción de censura presentada polo Partido Popular (PP) e o Partido Barbanza Independente (PBBI) contra o ata hoxe alcalde, Luís Pérez Barral, do BNG. A sesión, convocada cumprindo coa normativa vixente, contou cun auditorio completamente cheo, con presenza de veciños e simpatizantes tanto dos grupos de goberno (BNG e PSOE) como da oposición (PP e PBBI), que amosaron de forma visible o seu apoio e discrepancia ao longo da mañá.

Tras a lectura da convocatoria polo secretario municipal e a constitución da mesa de idade, procedeuse á defensa da moción por parte do voceiro do PP. A candidata proposta polos populares, Mariola Sampedro Fernández, tomou a palabra para expor as razóns que xustifican o cambio de goberno, apelando á necesidade de “recuperar a estabilidade institucional” e “impulsar proxectos estratéxicos que Ribeira leva tempo precisando”.
Durante a súa intervención, Sampedro agradeceu o respaldo dos concelleiros do PBBI e asegurou que o novo executivo “traballará desde o primeiro día para mellorar os servizos públicos, apoiar ao comercio local e reforzar o diálogo coa cidadanía”. A candidata comprometeuse tamén a “gobernar con transparencia e sentido común”, subliñando que o novo pacto pretende “poñer fin á parálise que, ao noso xuízo, viviu o concello nos últimos meses”.
Pola súa banda, o alcalde saínte, Luís Pérez Barral, defendeu o labor desenvolvido polo equipo de goberno do BNG-PSOE durante os últimos dous anos e medio, facendo balance das políticas aplicadas en materia de sustentabilidade, participación cidadá e promoción cultural. Barral criticou con dureza a actitude dos tres concelleiros do PBBI e da candidata popular, aos que acusou de “antepoñer intereses persoais e partidistas ao ben común” e de actuar “sen proxecto real para o futuro de Ribeira”.
O rexedor tamén afirmou que a moción “responde máis a unha estratexia de poder que a unha verdadeira vontade de mellorar o municipio”, e advertiu que a cidadanía “xulgará con tempo esta decisión”.
Unha vez finalizado o debate e tras a correspondente votación nominal, a moción foi aprobada pola maioría absoluta dos concelleiros, (13 votso a favor contra 8) o que supón o relevo inmediato de Pérez Barral na alcaldía e a proclamación de Mariola Sampedro Fernández como nova alcaldesa de Ribeira, quen deseguido xurou o cargo como nova rexedora local.
O acto pechouse entre aplausos e abucheos por parte do público asistente, reflexo da forte división política e social que este proceso xerou no municipio. Con esta decisión, Ribeira inicia unha nova etapa política marcada pola coalición entre o PP e o PBBI, mentres o BNG e o PSOE pasan á oposición
Amplia presenza política no pleno de cambio de goberno en Ribeira
O pleno extraordinario de moción de censura celebrado este luns no Auditorio vello de Ribeira, no que se produciu o cambio de goberno municipal, non só congregou a numerosos veciños da capital barbanzá e dos concellos limítrofes, senón tamén a destacados representantes da política galega.
Entre os asistentes atopábanse o conselleiro de Presidencia e presidente provincial do PP, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que acudiron a mostrar o seu apoio á nova alcaldesa. Tamén estiveron presentes os nacionalistas Bieito Lobeira e Néstor Rego, así como os deputados autonómico do PSdeG, Aitor Bouza, Silvia Longueira e Patricia Iglesias.
A nivel comarcal, a sesión contou coa asistencia do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; do exrexedor de Noia, Santiago Freire; e do senador popular Manuel Ruiz.
VIDEO PLENO EXTRAORDINARIO DA MOCIÓN DE CENSURA:
Co pleno da moción de censura de Ribeira son xa unha ducia as presentadas nos concellos galegos superado o ecuador do mandato municipal.
Cinco cristalizaron antes do fallo do Tribunal Constitucional que suprimiu a cláusula que impedía sacalas adiante se dependían do voto dun tránsfuga e sete despois, aínda que o máis que probable cambio de mans e de signo no municipio barbancés non entra dentro desa sentenza que achandou o camiño. Na comarca rexistrouse tamén as mocións de censura de Noia e Outes.



