A ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira reclama á Xunta o nomeamento inmediato dun titor ou titora para o curso de 3ºB de Primaria

10 Outubro 2025

A ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira remitiu un escrito ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, para expresar o seu profundo malestar pola falta de nomeamento dun titor ou titora para o grupo de 3ºB de Educación Primaria durante o curso 2025-2026.

No documento, asinado polo presidente da asociación, Unai González Suárez, a entidade denuncia a situación de “desamparo e caos organizativo” que está a vivir o centro desde o inicio do curso, ao non cubrirse a vacante correspondente a esa unidade, composta por 23 alumnos de 7 e 8 anos. Segundo explica a ANPA, a Consellería comunicou que o grupo sería co-titorizado por outro mestre, cubríndose as clases “coas horas de garda do resto do profesorado”, unha medida que cualifican de “esperpéntica e absurda” por afectar á calidade educativa de todo o colexio.

A asociación lembra que esta praza debería terse cuberto automaticamente coas listas de substitución, tal e como se fai noutros casos habituais como baixas médicas ou comisións de servizo. Tamén lamenta que, malia enviar escritos á inspección educativa, á dirección provincial e á propia Consellería, non recibiron resposta oficial, coñecendo as decisións “unicamente a través da prensa ou da dirección do centro”.

Mobilizacións e apoio social

A comunidade educativa do CEIP O Grupo leva máis de cinco semanas de protestas mediante concentracións, caceroladas, folgas e asembleas, contando cun seguimento do 88% das familias e o 75% do profesorado. Ademais, a Corporación Municipal de Ribeira aprobou por unanimidade unha moción cidadá en apoio á demanda das familias, e a ANPA reuniu máis de 3.300 sinaturas en menos dun mes.

A carta tamén recorda que a situación derivou na dimisión en bloque da equipa directiva, non aceptada pola inspección nin pola dirección provincial, e que o actual catálogo de persoal do centro non se corresponde coa realidade, xa que contempla doce unidades de Primaria cando actualmente hai trece.

Petición directa ao conselleiro

A ANPA solicita ao conselleiro que nomee de forma inmediata un titor ou titora a tempo completo para o curso 3ºB, e propón unha reunión urxente para abordar tamén outras cuestións pendentes, como a falta de profesorado de apoio e NEAE, a necesidade de coidadores, así como obras pendentes no centro (como a cuberta de Infantil, o pintado exterior, o arranxo do pavillón ou a posta en funcionamento do ascensor instalado no edificio anexo).

O presidente da entidade, Unai González, remata o escrito apelando á comprensión e ao diálogo, pero tamén á firmeza na defensa dos dereitos do alumnado:

“Non pensamos deixar de reivindicar os nosos dereitos, porque os nenos do Grupo teñen dereitos e o Grupo quere profes”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.