Marea humana en Santiago para esixir o fin do xenocidio en Palestina

05 Outubro 2025

Santiago de Compostela viviu este domingo unha masiva manifestación en solidariedade co pobo palestino, convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina. A marcha, que partiu da Alameda pasadas as doce do mediodía, reuniu —segundo a organización— arredor de 80.000 persoas, unha cifra que a policía local reduciu a unhas 15.000.

Os asistentes portaban bandeiras palestinas e keffiyehs, e marcharon tras unha gran faixa coa mensaxe “Galiza con Palestina. Contra o xenocidio e a ocupación”. Ao longo do percorrido polas rúas do centro compostelán escoitáronse cánticos como “Non é unha guerra, é un xenocidio”, “As nenas de Gaza non son unha ameaza” ou “Netanyahu, asasino”.

TVG

A manifestación culminou na praza do Obradoiro, que quedou pequena para acoller a multitude. Desde o escenario instalado fronte á catedral, representantes da coordinadora leron manifestos nos que cualificaron Israel como “un perigo para toda a humanidade” e reclamaron o dereito de autodeterminación de Palestina, así como a ruptura de toda relación bilateral co Estado israelí.

Óscar Valadares, membro da coordinadora, subliñou que a protesta é “a culminación de dous anos de traballo”, durante os cales organizaron máis de 1.100 actos en defensa de Palestina. Pola súa banda, o gazatí residente en Galicia Sami Ashour afirmou que o pobo palestino reclama “dignidade e unha solución inmediata para deter o xenocidio”.

Na manifestación participaron tamén representantes de forzas políticas como o BNG, o PSdeG e Sumar. A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que a mobilización “amosa o compromiso do pobo galego coa dignidade e coa humanidade”, e criticou a ausencia do PP e da Xunta. Pontón pediu ao Goberno e á UE que rompan relacións con Israel, ao considerar que en Palestina “está en xogo o futuro da humanidade e do dereito internacional”.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu a necesidade de adoptar unha “posición responsable” para condenar “o xenocidio e os xenocidas”, insistindo en que “non cabe a indiferenza” ante o sufrimento do pobo palestino.

A manifestación deixou unha imaxe de praza do Obradoiro ateigada, símbolo dun amplo clamor social en Galicia pola paz, a liberdade e a xustiza en Palestina.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.