“A vila que non se resigna”. Carlos Moledo

03 Outubro 2025

Son fillo dunha xeración que medrou escoitando a mesma
cantilena: Noia xa non é o que era. Sempre se nos falou
dunha vila grande, con carácter, capital dunha comarca viva
e motor económico dunha ría chea de actividade. E, porén,
tamén sempre se nos repite que todo vai a menos: que non
queda xente, que a vida desaparece das rúas, que o traballo
escasea… Como se o devir natural de Noia fose esmorecer
ata que dela só quedasen as pedras, esas pedras que, Deus
mediante, oxalá nunca sexan o único testemuño dunha
historia que merece moito máis.

Por cousas do azar –ou do destino, quen sabe–, hai pouco
atopei unhas imaxes de hai uns cen anos da nosa vila.
Quedoume gravada na mente unha poderosa estampa: Noia
fermosa, limpa, coidada, envidiable. Aquelas rúas e prazas,
aquela ensenada co mar entrando vivo, aqueles xardíns que
eran o orgullo dos veciños. Aquelas persoas que enchían a
praza e os camiños coa confianza de quen sabe que vive
nun lugar con futuro. Non é estraño que alguén lle puxese o
apelativo de “a pequena Compostela”. O nome facía xustiza
ao esplendor daquel tempo.

Comparar esas fotografías co presente doe. Non por
rexeitamento á vila actual –que segue a ser marabillosa e
privilexiada no seu patrimonio–, senón porque mostra con

crueza o que fomos quen de perder. E, ao mesmo tempo,
debería movernos a reacción. Porque se daquela era
posible, por que non hoxe? O soño non é unha fantasía. Xa
existiu, xa o tivemos.

Recuperar aquela vitalidade non é doado, certo é. Non creo
que existan fórmulas máxicas ou atallos. Pero si hai un
camiño: volver aos pequenos detalles, ás cousas que
semellan mínimas pero que constrúen identidade e futuro.
Dicía a vella máxima que a muller do César non só ten que
ser honrada, senón tamén parecelo. Pois con Noia acontece
o mesmo. Non chega con que sexa unha vila chea de
historia, cun urbanismo medieval privilexiado ou cunha
situación xeográfica envexable. Ten que parecer viva,
atractiva, orgullosa de si mesma.

Iso implica coidar o urbanismo, fuxir do abandono e da
desorde, recuperar a relación coa auga e coa súa ría, apostar
polos espazos públicos como puntos de encontro. Implica
tamén reforzar o tecido social: apoiar o comercio local e a
nosa industria, dar oportunidades á mocidade, fomentar
actividades culturais que fagan das fins de semana un
motivo para quedar ou para vir visitar. Implica sobre todo
querer á vila e demostrar ese cariño nos xestos cotiáns. Esto
non é só cousa das administracións, tamén da cidadanía.

A historia ensínanos que os pobos que deixan de confiar en
si mesmos acaban reducindo a súa ambición, como se
asumisen a derrota de antemán. E Noia non pode permitirse

iso. Non o pode facer porque leva séculos sendo referencia,
porque garda un patrimonio monumental que moitos
lugares envexan, porque a súa ría segue a ser privilexiada e
porque, sobre todo, hai unha xeración que non se resigna.

Quizais non volvamos exactamente á Noia de hai cen anos,
nin falta que fai, cada tempo ten o seu pulso. Pero si
podemos aspirar a unha vila coidada, orgullosa, dinámica,
onde vivir non sexa un acto de nostalxia senón de
esperanza. Iso depende de nós, de que entendamos que as
pedras que herdamos non son un recordo morto, senón un
compromiso vivo.

Se cadra algún día, cando alguén dentro doutros cen anos
mire as fotografías da Noia actual, poderá dicir con orgullo:
eles souberon reaccionar, souberon volver a erguer o que
parecía perdido. Esa é a responsabilidade que temos, e
tamén a oportunidade que non podemos deixar escapar.

Outros artigos

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.