Severino Escurís Batalla recibe o Premio PEL á traxectoria empresarial

14 Agosto 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregou hoxe o Premio PEL á traxectoria empresarial a Severino Escurís Batalla, presidente honorífico de Actemsa, nun acto celebrado na sede da empresa na Pobra do Caramiñal.

O acto contou tamén coa presenza da deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, do alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, a concelelira Patricia Lojo, así como da familia de Severino Escurís, que quixeron acompañalo neste día especial.

Este galardón honorífico destaca a dilatada e exemplar carreira profesional do empresario, así como a súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico da provincia. Os Premios PEL (Plan de Emprego Local) da Deputación distinguen cada ano as mellores iniciativas empresariais e proxectos de emprendemento, así como figuras senlleiras do tecido produtivo coruñés.

Durante o acto, o presidente da Deputación salientou que “Severino Escurís é un exemplo de visión empresarial, traballo incansable e compromiso coa súa terra. Non só fixo medrar empresas, senón que contribuíu ao desenvolvemento desta terra”, afirmou Formoso, que destacou a capacidade do empresario para “innovar, diversificar, inspirar ás novas xeracións e levar con orgullo o nome de Galicia por todo o mundo, sen esquecer nunca as súas raíces”.

Formoso engadiu que esta visita se debe “a ter un detalle con Severino por todo o feito durante tantos anos e por contribuír, co seu traballo, que A Coruña sexa a provincia máis importante de Galicia en materia económica”.

Pola súa banda, o rexedor pobrense agradeceu “á Deputación que recoñeza a un dos nosos veciños máis queridos e a presencia do presidente hoxe aquí para facer entrega desta distinción”.

Nado en Rianxo o 18 de xullo de 1925, Escurís incorporouse con 17 anos á conserveira familiar Escurís e asumiu a presidencia do consello de administración en 1979. Tras a súa xubilación, en 1994 fundou Actemsa xunto aos seus fillos, impulsando desde o Polígono da Tomada un complexo industrial que hoxe é referente internacional no sector do túnido e das conservas.

Ao longo da súa vida profesional foi pioneiro en diversificar o negocio cara a áreas como a fabricación de envases, a flota atunera, a alimentación animal e a implantación industrial no estranxeiro, xerando milleiros de empregos directos e indirectos na comarca do Barbanza.

O empresario, que vén de cumprir 100 anos, conta con numerosos recoñecementos, entre eles a Medalla ao Mérito no Traballo do Goberno de España (2014) e a Medalla á Traxectoria Empresarial de Anfaco (2025).

Coa entrega deste premio, a Deputación da Coruña honra a figura dun emprendedor que fixo da innovación, o compromiso co territorio e a creación de emprego os piares dunha vida dedicada á empresa e ao desenvolvemento económico de Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.