
Boiro Novo compartiu un comunicado crítico co Goberno local no que reclama ao Executivo que “asuma as súas responsabilidades na xestión da traída da auga”. A agrupación explica que “coa volta do verán son una constante, ano tras ano, os problemas no abastecemento municipal de auga” e que “máis alá de recomendar un consumo responsábel, recomendación coa cal estamos de acordo, o Concello debera asumir a responsabilidade que ten neste problema de desabastecemento”. E engaden: “É inaceptábel que nun concello coma o noso, no que por sorte temos unha das pluviosidades máis altas de Galicia, haxa cortes ou perdas de presión na traída da auga por non ter unha rede de abastecemento axeitada, un problema que ademais vai agravarse de levarse a cabo a macrourbanización de máis de 900 vivendas (maioritariamente turísticas) que pretende facer o Goberno en Barraña sen que previamente haxa enriba da mesa un só proxecto de mellora tanto da rede de abastecemento como de saneamento”.
No comunicado critican que “gran parte destes problemas é tamén consecuencia da decisión política deste Goberno de preferir gastar os cartos noutras obras menos prioritarias antes que no mantemento e mellora dos servizos básicos”.
E conclúen: “Dende Boiro Novo levaremos esta cuestión ao próximo pleno para que o Executivo do PSOE dea as oportunas explicacións que veciñanza. Así mesmo rexeitamos tan sequera considerar operación urbanística en Boiro mentres non se melloren as abastecemento e saneamento municipal”.



