A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe cos alcaldes de Dodro, Xabier Castro, e de Padrón, Anxo Rei, para abordar o deseño dos servizos de autobús incluídos na nova concesión de transporte público que conectará estes municipios con Santiago de Compostela e O Barbanza.
Durante o encontro, Fontela presentou varias melloras previstas, entre as que destaca a creación dunha nova liña directa entre Dodro e Santiago que permitirá conectar as localidades deste corredor cos principais hospitais da capital galega. Esta medida eliminará a necesidade de empregar os servizos lanzadeira actuais entre a estación intermodal e os centros sanitarios.

Ademais, está prevista a posta en marcha dunha nova liña entre Dodro e Padrón pensada para atender o alumnado que se despraza a diario aos institutos IES Camilo José Cela e IES Macías o Namorado. Os horarios estarán adaptados ás xornadas lectivas dos centros.
A Xunta aproveitou os encontros para recoller as achegas e valoracións dos concellos co obxectivo de ultimar o anteproxecto de explotación, co que se pretende deseñar un sistema de transporte público máis axustado á realidade da bisbarra.
Estas reunións forman parte dos traballos previos á licitación da nova concesión de autobús regular que conectará a comarca do Barbanza con Santiago. A reorganización do servizo aposta por conexións directas que reduzan os tempos de viaxe e dean resposta ás principais demandas dos usuarios e das administracións locais.
A nova concesión enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia, co que a Xunta busca avanzar cara a un modelo de mobilidade máis moderno, eficiente e sostible, garantindo o acceso ao transporte público en todo o territorio, tanto nas contornas urbanas como no medio rural.




