O Concello de Rois convoca, no marco do programa Viaxa con Rois, dez prazas para participar nun intercambio xuvenil en Porto Iguazú, na provincia arxentina de Misiones, do 21 ao 28 de novembro de 2026. A iniciativa está dirixida a mozos e mozas empadroados no municipio que teñan entre 18 e 30 anos no momento da viaxe.
As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude xeral acompañada do seu DNI entre o 28 de setembro e o 1 de outubro de 2026. Poderán facelo a través da sede electrónica do Concello de Rois ou presencialmente nas oficinas municipais, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A convocatoria establece a admisión ata cubrir as dez prazas. Tamén prevé que, se hai máis solicitudes ca prazas dispoñibles, se celebre un sorteo público o venres 2 de outubro, ás 14.00 horas, no salón de plenos do Concello de Rois.
Unha vez formado o grupo, realizarase unha reunión informativa na Casa do Concello para facilitar información complementaria.
O Concello resérvase o dereito de cancelar a viaxe se non se alcanza un número mínimo de participantes.
Tamén se realizarán actividades e visitas na Arxentina, no Brasil e en Paraguai. As persoas participantes coñecerán a entidade de acollida e asistirán á sinatura dun pacto de amizade entre representantes dos concellos participantes e da municipalidade de Eldorado ou Porto Esperanza.
Desprazamento e seguro por conta das persoas participantes

Cada participante deberá asumir os gastos de desprazamento entre Rois e o lugar do intercambio, ida e volta, e contratar un seguro de viaxe, accidentes e enfermidade que cubra, como mínimo, toda a duración da estadía. Como aeroportos próximos recoméndanse o Aeroporto Internacional de Porto Iguazú (IGR), na Arxentina, e o Aeroporto Internacional de Foz do Iguaçu (IGU), no Brasil.
Estadía en Porto Iguazú con actividades en tres países
O intercambio inclúe aloxamento en pensión completa nun hotel de tres ou catro estrelas, en cuartos de uso múltiple, así como o transporte local durante as actividades. O programa prevé coñecer o Parque Nacional de Iguazú e as cataratas tanto desde o lado arxentino como desde o brasileiro, visitar a presa binacional de Itaipú, en Paraguai, e achegarse a unha aldea indíxena.
Unha oportunidade para coñecer outras realidades

O Concello explicou que “o intercambio busca facilitar o coñecemento doutras culturas, linguas e formas de vida, así como promover a cidadanía activa, a solidariedade e a tolerancia; e tamén pretende favorecer a adquisición de habilidades mediante a educación non formal e a participación da mocidade con independencia do seu contexto educativo ou social”.
Esta convocatoria dálles continuidade aos intercambios realizados en Venecia en 2024 e 2025 e en Xeorxia en 2025. Súmase a outras iniciativas interculturais impulsadas por Rois, como as viaxes da Escola de Música Municipal a Italia, Letonia e Portugal; a participación no programa Europe for Citizens co proxecto Voces europeas desafían o euroescepticismo; e os campamentos internacionais de verán no Castro Lupario.




