Ribeira recibe aos nenos saharauís de acollida estival

05 Agosto 2025

O Concello de Ribeira celebrou hoxe o acto oficial de recepción das catro nenas saharauís que participan este verán no programa “Vacacións en Paz”, acompañadas polas tres familias de acollida do municipio. O evento, que tivo lugar esta mañá, estivo presidido polo alcalde, Luís Pérez Barral, e contou coa presenza de varios membros da corporación municipal e da delegada da Barbanza de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), Coba Rodríguez.

Durante a súa intervención, a representante de Sogaps destacou a importancia deste programa solidario, que permite que as nenas saharauís gocen de oito semanas de descanso en Galicia, lonxe das duras condicións dos campamentos de refuxiados. “É un alivio necesario fronte ás temperaturas extremas, a escaseza de produtos frescos e a falta de acceso a atención médica especializada”, explicou Rodríguez, quen tamén agradeceu o apoio do Concello e animou a que máis familias ribeirenses se sumen á iniciativa no futuro.

Pola súa parte, o tenente de alcalde, Vicente Mariño, eloxiou o compromiso das familias de acollida e resaltou a crecente implicación cidadá coa causa saharauí. Tamén fixo referencia á participación das nenas nas actividades culturais locais, como a recente xornada de esculturas de area en Corrubedo, como exemplo da súa integración e do intercambio cultural que promove o programa.

O rexedor, Luís Pérez Barral, subliñou o carácter profundamente humano e solidario do pobo saharauí, que tivo ocasión de coñecer persoalmente nunha visita aos campamentos no ano 2013. “Recibirvos hoxe é un xesto de cariño e compromiso coa infancia e cun pobo que leva 50 anos loitando pola súa dignidade e polo dereito a volver á súa terra”, afirmou.

Barral tamén fixo un chamamento a visualizar a situación que viven máis de 200.000 persoas no deserto do Sáhara, onde malia as condicións “practicamente inhumanas”, o pobo saharauí segue firme na súa loita por un futuro libre e independente.

O acto rematou cun emotivo momento no que as nenas recibiron agasallos por parte do Concello, consistentes en mochilas con material escolar, como símbolo de benvida e desexo de que a súa estadía en Ribeira sexa tan enriquecedora como inesquecible.

Este evento reafirma o compromiso de Ribeira coa solidariedade internacional e coa defensa dos dereitos humanos, especialmente da infancia máis vulnerable.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.