
Este mediodía celebrouse en Ribeira un emotivo acto de presentación e homenaxe a Castelao, coincidindo coa finalización dos murais da segunda edición do Festival Salmoira. A cita contou coa participación do alcalde Luís Pérez; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; e a concelleira de Cultura, Antía Alberte, encargada de conducir o evento.
O encontro celebrouse na Praza de España, coa figura do mural de Castelao como pano de fondo e acompañado pola música tradicional das agrupacións As Pandereteiras de Carreira, Bailadela, Sete Linguas, As Garridiñas e As Ferreñas.

Durante o acto, a concelleira de Cultura agradeceu a colaboración da veciñanza que cedeu as súas paredes para a realización dos murais, destacando o compromiso colectivo coa arte e a identidade local. A continuación, Miguel Anxo Seixas puxo en valor a presenza da lingua e a cultura na rúa, subliñando que “Castelao loitou pola lingua, a cultura e os dereitos políticos de Galicia”.
Pola súa parte, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou a singularidade cultural galega por contar cunha figura como Rosalía de Castro como símbolo literario no século XIX, e cun intelectual tan polifacético como Castelao: “foi político, debuxante, escritor, activista cultural e médico, pero sobre todo, foi coñecido e recoñecido polo pobo”.
Xosé Luis Penas, deputado de Patrimonio, resaltou a importancia da arte urbana e do festival Salmoira como ferramenta para entender a arte contemporánea, agradecendo tamén o labor do artista do mural de Castelao, Fernando Yánez, quen non puido asistir ao acto.
O alcalde, Luís Pérez, pechou as intervencións subliñando que o mural é “un acto que une memoria, arte e futuro”, e destacou que “Castelao foi un home ao servizo do pobo”, engadindo que este tipo de iniciativas “transforman espazos esquecidos en lugares cheos de contido e beleza”.
O rexedor definiu o festival como “un acto de resistencia cultural e un espazo de creación que nos reconcilia coa nosa identidade”, rematando cunha chamada a que a arte siga viva nas rúas e ao servizo da cidadanía.
O acto concluíu cunha nova actuación das pandereteiras e unha foto de familia, simbolizando a unión entre cultura, comunidade e memoria histórica no marco do Ano Castelao, no 75 aniversario do seu pasamento.




