O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado español que “acate sen máis dilación” o ditame motivado da Comisión Europea que confirma a ilegalidade da prórroga da concesión da AP-9 outorgada á empresa AUDASA no ano 2000 polo entón presidente José María Aznar. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama “axilidade para anular a concesión”, que se libere a autoestrada das portaxes e se transfira a infraestrutura á Galiza.

Lembra, en detalle, que a nova resolución da Comisión Europea ratifica que “a ampliación da concesión da AP-9 até 2048 foi realizada sen licitación pública, sen transparencia e en vulneración flagrante da normativa comunitaria en materia de contratación pública”. Trátase, engade, do segundo expediente aberto polo organismo europeo contra o Estado español pola mesma cuestión, logo de que o primeiro fose iniciado no ano 2021.
“O ditame da Comisión vén darlle a razón á sociedade galega e ao BNG, que levamos anos denunciando a ilegalidade desta prórroga e reclamando a súa anulación” afirma o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen recorda que o Bloque impulsou e logrou a aprobación no Congreso, en dúas ocasións, de iniciativas reclamando ao Goberno que declare nula a concesión, asuma a xestión pública directa da AP-9 e a súa posterior transferencia á Galiza.
Porén, sinala, “a pesar do apoio parlamentario, o Goberno do Estado mantivo até agora a súa defensa da prórroga e mesmo continúa a xustificar a actuación do Executivo do PP do ano 2000, e todo isto malia que a Comisión Europea acaba de desmontar de novo esa posición ao cualificar de ilegal a prórroga e conceder dous meses ao Estado para negociar unha solución que evite a xudicialización do caso ante o Tribunal de Xustiza da UE”.
“É o momento de tomar decisións valentes e xustas. O Goberno debe renunciar de inmediato a recorrer o ditame europeo e iniciar sen máis dilación os trámites para declarar a nulidade da concesión. Manter a vía xudicial só serviría para prolongar unha estafa legalizada contra a Galiza” asevera Rego.
O deputado nacionalista tamén subliña que, tal e como se recollía no estudo encargado polo BNG á UDC, a declaración de nulidade da prórroga implicaría “un aforro millonario para as arcas públicas” pois permite o rescate sen ter que facer o pagamento do lucro cesante á concesionaria, unha das principais escusas esgrimidas polo executivo para non rescatar a autoestrada.



