O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participará este martes, 22 de xullo (19:00 horas), no local social de San Xián de Torea na presentación de Son galego, o poemario que Antonio José Francisco Rey (Buenos Aires, 1959), Antón Rey, lle dedica ao seu avó paterno, nado nesta parroquia do concello de Muros. Monteagudo, natural deste concello coruñés, acompañará o exalumno dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que a RAG coorganiza da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. No acto, aberto a todo o público, tamén intervirá o escritor Suso de Toro, que prologa o libro que edita Medulia.

Son galego é un libro de homenaxe a Juan Antonio Rey Vara, muradán da parroquia de San Xián de Torea e emigrante en Buenos Aires que lle deixou a Antón Rey un legado imborrable: a lingua galega. “Eu non cheguei ao galego porque lese a Rosalía de Castro ou a Daniel Castelao. Eu cheguei ao galego desde outro lugar máis íntimo, persoal, a través do meu avó. Del aprendín a amar Galicia”, destaca. Un amor que non divide, senón que multiplica. “A miña galeguidade non colide coa miña arxentinidade. Eu ía ao cemiterio da Chacarita e visitaba catro tumbas: a do meu avó, a da miña nai, a de Castelao e a de Carlos Gardel”, confesa.
“Antón Rey é un bo exemplo de ata que punto a construción da identidade das persoas é unha construción voluntaria”, sinala o presidente da RAG quen, coma o autor, é membro tamén dunha das tantísimas familias galegas marcadas pola emigración a América. Henrique Monteagudo define Son galego como unha obra de “poética sinxela, directa, moi Borges”, unha “declaración de amor absolutamente confesional, aberta, sincera”.
O poemario reúne as primeiras composicións poéticas de Antón Rey sobre Galicia e o seu avó –escritas tras a súa primeira viaxe a Galicia e publicadas en 2002, nun “protolibro” que saíu do prelo en Buenos Aires– e mais outras posteriores. As páxinas acubillan ademais fotografías da súa autoría de San Xián de Torea e outros espazos do rural galego que evocaba o avó Juan Antonio na súa memoria. Esta nova edición ampliada preséntase con prólogo de Suso de Toro, quen destaca que a ollada de Antón Rey “refresca con luz viva todo o que nós aquí vemos vello” e nos lembra que “é luminoso”. Pero Antón Rey non só escribe en galego sobre o mundo da aldea que abandonou o avó emigrante na primeira metade do século XX. “Fixen do galego unha ferramenta para falar do mundo, do que sexa”, conclúe.
Mestre de primaria e profesor de secundaria de profesión, Antón Rey realizou os seus primeiros cursos de galego na Arxentina e completou a súa formación nos anos 2023 e 2024 como estudante dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que se celebran cada mes de xullo en Santiago de Compostela.



