O Campo de Voluntariado Xuvenil de Amicos pecha a súa 5ª edición cunha xeira de limpeza no Parque Natural de Corrubedo

14 Xullo 2025

O Campo de Voluntariado Xuvenil de Amicos clausurou este luns 14 de xullo a súa quinta edición cunha xornada de recollida de residuos mariños no Parque Natural de Corrubedo. Á actividade achegouse Pilar Sampedro, responsábel da Área de Persoas da entidade, quen salientou o traballo despregado en materia de aprendizaxe e compromiso ambiental.

Este programa, organizado por Amicos co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, celebrouse durante a primeira quincena de xullo e contou coa participación de catorce mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, con e sen discapacidade, tres deles membros do Fogar Amicos. Xuntos compartiron dúas semanas de convivencia, voluntariado ambiental e actividades culturais.

Ao longo da clausura, foron os propios voluntarios os que relataron en primeira persoa o que esta experiencia significou para eles. “Gústame moito facer novas e novos amicos e sentir o cariño da xente, e gustoume moito traballar en limpezas nas illas e facer rutas polos sitios que visitamos”, explicou Victor, un dos participantes.

En canto a Teresa, unha moza toledana, o que a animou a anotarse neste voluntariado foi “que combina o social co medioambiental. A pesar de ter xente próxima con discapacidade nunca convivín con eles durante moito tempo, e a verdade é que foi unha experiencia incríbel e un proxecto moi inclusivo, e na que fixemos un montón de actividades. Gustaríame que durase máis, fixemos un grupo moi unido”.

Pola súa banda, Pilar Sampedro subliñou durante a visita que “este é o noso quinto ano consecutivo, grazas á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Para nós este Campo é especial, posto que as rapazas e rapaces con e sen discapacidade comparten doce días nos que aprenden a coidar da natureza dende un punto de vista lúdico, con alta presencia do tempo de ocio. Celebramos que cada vez sexan máis moz@s de fóra de Galicia os que se unan a compartir este tempo con nós ”.

Pola súa banda, a directora do Campo, Victoria Basteiro, destacou que “a este Campo téñolle especial cariño porque é o único que combina inclusión social con coidado medioambiental. É unha aprendizaxe continua para os e as participantes porque lles permite ver outras realidades ás que non están acostumados, aínda que si poidan estar interesados, porque sempre se xeran lazos moi fortes”. Rematou recalcando “o meu agradecemento á Consellería e a Amicos por impulsar este tipo de iniciativas”.

Activismo mediambiental e social

O Campo de Voluntariado Xuvenil de Amicos ten como obxectivo fomentar valores como a diversidade, a convivencia e o compromiso co patrimonio natural e cultural de Galicia. Para iso, os participantes desenvolven accións de conservación en espazos de alto valor ambiental como o Parque Natural de Corrubedo ou o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Os mozos e mozas alóxanse no Camping Ría de Arousa, na Pobra do Caramiñal, dende onde se desprazan a puntos como Sálvora, Corrubedo ou Carril para realizar tarefas de limpeza de praias, clasificación de residuos, identificación de especies autóctonas e erradicación de especies invasoras.

Porén, o programa vai moito máis alá do coidado ambiental. Tamén inclúe obradoiros, xogos, reconstrución de elementos patrimoniais como hórreos, actividades deportivas, paseos en caiac pola ría, roteiros culturais polo Camiño de Santiago, visitas a castros e festas tradicionais.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...