O Museo Casa da Troya, en Santiago de Compostela, manterá as súas portas abertas durante todo o verán, ata mediados de outubro, para que composteláns e visitantes poidan coñecer a histórica pensión de estudantes inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima.
A partir de mañá, martes 15 de xullo, o museo ampliará o seu horario de apertura de martes a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Segundo Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, “estamos a facer un importante esforzo este verán, incrementando as nosas actividades e sacando algunhas delas á rúa”.
Entre as actividades destaca unha exposición conmemorativa do centenario da primeira versión cinematográfica da novela, comisariada por Estíbaliz Santamaría. Ademais, coincindo coas festas do Apóstolo, o museo ampliará o seu horario de martes a sábado.
O museo xa se converteu nun lugar de peregrinación para antigos estudantes da Universidade de Santiago e para tunas de toda a costa atlántica. Recentemente, recibiu a visita da Cuarentuna de México, que podería volver en 2027 para un concerto con Troyanos de Compostela.

Todas as visitas son guiadas (25 minutos) e ofrecen unha viaxe no tempo á Compostela de finais do século XIX. Neste Ano Castelao, os visitantes tamén poderán descubrir a vinculación deste persoeiro coa Tuna e a novela de Pérez Lugín.
A exposición “Unha noite” mostra a vida en Galicia hai un século, con máis de 50 imaxes da rodaxe da película de 1925, incluíndo fotografías de José Gaspar e outras recuperadas polo investigador Carlos Castelao. As imaxes van acompañadas dun código QR para ampliar a información.
Finalmente, en setembro regresan os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo casco histórico e a Casa da Troya, con reserva previa a través do teléfono (981 585 159 / 695 211 266) ou do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal.




