O BNG celebra en Ribeira un acto para conmemorar o Día da Patria Galega

12 Xullo 2025

No marco da campaña previa á celebración do Día da Patria, o 25 de xullo, a organización nacionalista celebrou un acto na localidade de Ribeira poñendo en valor o traballo que o BNG realiza na defensa dos intereses dos galegos e galegas e a transformación a mellor das condicións da cidadanía cando ten oportunidade. O BNG reivindica o papel do nacionalismo galego e cualifícao como “estratéxico para o futuro da Galiza e como motor de transformación social”.

O acto, que contou cunha grande afluencia de público e un ambiente dinámico, tivo as intervencións de Amparo Cerecedo, tenenta de alcalde da Pobra do Caramiñal, Néstor Rego, deputado no Congreso e de Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira.

Na súa intervención, Amparo Cerecedo destacou que “hai moitas maneiras de facer país, e unha delas é desde os gobernos municipais, transformando as vilas e cidades en lugares onde traballar, desfrutar e convivir, escapando de modelos que só buscan beneficio económico”. Cerecedo puxo en valor que “os gobernos do BNG cren, crean e planifican concellos sustentábeis, participativos, inclusivos e galegos”, recalcando que “hai proxectos que poden ser interesantes para Washington ou Alabama, pero non para a Pobra ou Ribeira”.

Tamén salientou o compromiso real co feminismo e coa igualdade, lembrando que na Barbanza hai dúas mulleres nacionalistas á fronte de áreas de promoción económica, ela mesma na Pobra e Veva Betanzos en Ribeira: “Somos muller e políticas, e sempre me amolou que non ocupásemos concellarías con responsabilidades económicas. Por que non? Claro que podemos e queremos”, asegurou.

Cerecedo fixo un repaso polas políticas transformadoras desenvolvidas na Pobra, como vivendas de emerxencia social, o servizo “comedor sobre rodas”, a municipalización do SAF, espazos de atención psicolóxica nas escolas ou o apoio ao comercio local, reivindicando que “o BNG non queda no discurso, actúa”.

O deputado, Néstor Rego, contrapuxo a traxectoria limpa do BNG ante os lamentábeis episodios que sacoden a política estatal e que están a xerar certo descrédito na representación política. “O BNG, o nacionalismo galego, representa unha alternativa sólida e de futuro para a Galiza que se apoia no traballo honrado, incansábel e desinteresado de todas e todos os seus representantes. Os gobernos municipais do BNG, como o que encabeza Luís Pérez Barral en Ribeira, son o mellor exemplo disto” aseverou Rego.

Do mesmo xeito, avanzou que o Bloque estará vixiante para que os compromisos adquiridos polo executivo estatal -após asinar o Acordo de Investidura conseguido polo BNG- se leven a cabo. “O BNG nunca vai favorecer un Goberno da dereita ultra e da ultra dereita mais tampouco daremos unha carta branca para nada nin para ninguén. O Goberno debe cumprir” salienta Rego.

O deputado salienta que o nacionalismo é un movemento con crecente apoio social, o que lle vai permitir asumir nos próximos tempos novos retos, como máis gobernos municipais ou o Goberno da Galiza. “O BNG é a garantía da mudanza real que o noso País necesita, queremos seguir avanzando até construírmos unha nova Galiza, libre e soberana, que aproveite todas as potencialidades de desenvolvemento e asegure calidade de vida e benestar para toda a nosa xente”, subliña.

Pola súa banda, Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, celebrou que “por primeira vez Ribeira ten un goberno nacionalista, grazas ao traballo constante e á ilusión de moita xente”. Reivindicou un modelo que “pon á veciñanza no centro, abre as portas do Concello, escoita, dialoga e entende que a administración máis próxima debe estar sempre ao servizo das persoas e non das siglas políticas”.

Pérez Barral destacou o investimento de 5,5 millóns de euros en melloras básicas como auga potable, saneamentos e pavimentacións, especialmente no rural, e un novo modelo de cidade “máis verde, máis accesible e pensada para as persoas”, exemplificado nas peonalizacións e proxectos culturais como o festival de arte urbana Salmoira.

Tamén quixo poñer en valor o traballo do seu equipo: “Nada disto sería posible sen un equipo que traballa cada día sen buscar protagonismo, só coa vontade de mellorar Ribeira”, dixo, citando o labor de Xabi Vidal en obras e deportes, Cruz Rivadulla en educación e igualdade, de Antía Alberte en cultura e Veva Betanzos en promoción económica.

O alcalde concluíu cunha mensaxe de futuro: “veñen dous anos cargados de enerxía, ilusión e moito traballo para seguir transformando Ribeira e mellorando a vida da nosa xente”. E pechou proclamando: “Viva Ribeira e viva Galiza!”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.