Aguiño vístese de festa para render homenaxe á súa patroa, a Virxe do Carme, nunha celebración profundamente enraizada na tradición mariñeira e que cada ano une fe, devoción e identidade comunitaria. Baixo o lema “No mar e na terra, a esperanza navega con María”, a parroquia convida a toda a veciñanza a participar nun programa que mestura actos relixiosos, música e emotivos momentos de encontro.

A gran cita das festas de Aguiño chega este o mércores 16 de xullo, cunha misa solemne ás 11:30h e a tradicional procesión marítima, presidida polo bispo promotor do Apostolado do Mar “Stella Maris”, Mons. Luis Quinteiro.
No aspecto lúdico as Festas do Carme de Aguiño, celebraranse os días 16, 17, 18 e 19 de xullo, e chegan da man dunha recentemente constituída Comisión de Festas encabezada por Julio Abraldes. O acto de presentación contou coa presenza institucional do tenente de alcalde, Vicente Mariño, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, e o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes.
Mariño destacou “a capacidade de reacción e o entusiasmo” da veciñanza de Aguiño: “ao instante de cesar a anterior comisión, xa había unha nova traballando nun programa que foi elaborado nun tempo récord”. Loubou tamén o dinamismo da parroquia e convidou a toda a comarca “a gozar duns festexos únicos”.
Pola súa banda, Julio Abraldes agradeceu o apoio do Concello, os patrocinadores e o pobo de Aguiño, e avanzou os principais actos:
- Gran sardiñada popular con música en vivo de Chiña
- Procesión marítima especialmente emotiva
- Orquestras, DJs e actividades para todos os públicos
- 2ª Xuntanza de Esculturas de Area para nenos e nenas de 3 a 12 anos, o sábado 19 na praia do Rebalo
Un dos momentos máis esperados será a procesión marítima, para a que se habilitará un catamarán con capacidade para 370 persoas. O acceso será mediante boletos distribuídos na igrexa local, dando prioridade a quen asista á misa. Como cada ano, a ruta marítima concluirá con unha ofrenda floral en Forcadiña, que este ano estará dedicada a Juan Antonio García, “Pichón”, mariñeiro ribeirense desaparecido en 2024 nas Illas Malvinas.
Abraldes engadiu que a Virxe do Carme irá acompañada por arredor de 80 embarcacións tradicionais, coincidindo co XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que terá como sede Ribeira.
O segundo tenente de alcalde clausurou o acto destacando que “o Carme de Aguiño é unha das festas máis importantes do municipio” e subliñou o carácter “disruptivo e único” desta procesión mariñeira. “Non é doado ver unha homenaxe mariñeira tan emotiva acompañada por tantas embarcacións




