CSIF esixe un plan urxente de reforzo de seguridade en centros de saúde tras un violento episodio no PAC de Boiro

09 Xullo 2025

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) reclamou este martes á Administración sanitaria a posta en marcha dun plan urxente para reforzar a seguridade nos centros de saúde de Galicia, especialmente en épocas de maior conflitividade, como festivos ou fins de semana. A petición chega tras o violento incidente ocorrido onte no Punto de Atención Continuada (PAC) de Boiro, coincidindo coas festas locais.

Segundo denunciou o sindicato, a media tarde un home en estado de embriaguez e baixo os efectos das drogas acudiu ao centro alegando atoparse mal. Pouco despois chegaron a súa muller e a súa sogra, que tentaron convencelo para que se marchase. Tras unha acalorada discusión con elas, o individuo abalanzouse contra as portas do centro, que foran pechadas polo persoal sanitario como medida de protección. Unha vez fóra, golpeou con violencia os cristais de acceso utilizando unha cadeira procedente da terraza dun local próximo.

O equipo do PAC alertou de inmediato á Policía, que logrou deter ao agresor tras unha breve persecución. Desde CSIF critican a “actitude pasiva” da xerencia sanitaria, que se limitou a trasladar “ánimo” ao persoal afectado e a enviar un celador como reforzo. Unha resposta que o sindicato considera “claramente insuficiente”.

“Condenamos enerxicamente esta agresión e esiximos que a Consellería se poña as pilas e actúe con firmeza para garantir a integridade física e emocional dos profesionais, pois non estamos #ante un feito illado”, advertiu CSIF nun comunicado.

O sindicato alertou dun “alarmante incremento” de episodios violentos en centros sanitarios galegos nos últimos meses. A nivel estatal, 2024 pechou con 16.558 agresións a profesionais sanitarios, a cifra máis alta desde que existen rexistros oficiais, segundo datos do Ministerio de Sanidade.

Ante esta situación, CSIF esixe á Consellería de Sanidade unha batería de medidas urxentes, entre as que destacan:

Reforzo estable de vixiantes de seguridade en centros de saúde e PAC nos momentos de maior afluencia e risco.

Revisión inmediata e aplicación estrita dos protocolos contra a violencia, adaptándoos a novas formas de agresión.

Formación obrigatoria para todo o persoal sanitario en técnicas de desescalada e manexo de situacións de tensión.

Campañas de sensibilización cidadá que visibilicen a problemática e promovan o respecto cara aos profesionais do sistema público de saúde.

“As cifras demostran que non basta con declaracións de boa vontade; necesitamos medidas tanxibles xa”, conclúe o comunicado do sindicato.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.