Prosegue a problemática das Festas de Ribeira: Portos volve pedir documentación ao Concello e este di que coa tramitación interminábel quérese denegar o permiso para as celebracións

09 Xullo 2025

Portos de Galicia realizou este 9 de xullo un novo requirimento de documentación ao Concello de Ribeira para poder tramitar a autorización necesaria para “a celebración das festas no porto da localidade en condicións de seguridade para as persoas e as propias instalacións portuarias”, explicou o organismo dependente da Consellería do Mar, engadindo que se “trata do cuarto requirimento destas características logo de envíos de documentación incompleta, errónea ou non válida por parte da Administración local”.

Pola súa banda o Concello argumentou (en resposta a esta nova petición) que as reclamacións son un xeito de responsabilizar á Administración local dunha cuestión que se decidiu dende a Xunta: a negativa de Portos a permitir que as festas se sigan a celebrar no porto como se veñen celebrando dende hai unha chea anos. “Con estes requirimentos ponse unha traba tras outra ao proceso de solicitude”, sinalou o alcalde Luís Pérez Barral, engadindo que “pasamos en pouco tempo dunha situación na que só era necesario enviar unha sinxela documentación a un trámite interminábel que practicamente é imposíbel de cumprimentar por parte dunha administración local”. O rexedor puxo o foco no estupor que xeran estes requirimentos entre o persoal de cultura do Concello, que é o mesmo que desenvolvía o seu labor na anterior lexislatura e co anterior goberno, e que era quen de acadar o permiso cunha simple instancia. O rexedor tamén mostrou o seu convencemento no feito de que o organismo non ten a mesma vara de medir para o Concello de Ribeira que para outros municipios.

As mesmas esixencias

Sobre o anterior punto, Portos sostén que os requirimentos “son idénticos para todos os concellos portuarios”, aos que se lles lembra a necesidade de tramitar con dous meses de antelación estes permisos para comezar a montaxe das celebracións (que, no caso de Ribeira, está prevista a partir do 27 de xullo).

Portos di que entre a documentación que a día de hoxe non foi aínda aportada polo Concello “figuran os planos de localización das atraccións, escenarios, aseos e calquera outra instalación que se pretenda montar así como o plan de evacuación para caso de emerxencia e plan detallado de tráfico alternativo”. Todos eles, sinala, “son documentos preceptivos para que Portos de Galicia poida outorgar a autorización segundo as condicións establecidas na lexislación vixente”.

Portos de Galicia tamén informou da tramitación dunha modificación da zonificación do solo portuario susceptíbel de acoller actividades recreativas para facilitar a instalacións dos feirantes. “Este cambio na zonificación do solo é o primeiro paso para posibilitar a celebración en condicións de seguridade para as persoas das festas en dominio público portuario”, sinala.

“Situación kafkiana”

O concelleiro de Festexos de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, tamén quixo saír ao paso destes requirimentos e puxo en valor o traballo despregado polos técnicos municipais, “profesionais con máis de 20 anos de experiencia tramitando autorizacións coma esta que nunca se atoparan nunha situación tan kafkiana; estamos a falar de enxeñeiros, arquitectos e titulados en prevención de riscos que traballan arreo para responder ás esixencias dun ente que cada semana inventa un novo requirimento”, sinalou o edil, engadindo que “dende o Concello enviamos cinco contestacións, desprazámonos ata A Coruña para reunirnos cos técnicos de Portos xunto cos nosos, mantemos chamadas diarias… e, pese a todo, o seu presidente aínda non se dignou a sentarse a falar nin co alcalde nin con ningún concelleiro para abordar este tema”.

O edil sostén que “cada novo requirimento é distinto do anterior; non se trata de que deixáramos puntos sen responder, senón de que en cada escrito engaden requisitos adicionais que antes nin sequera mencionaran; por exemplo, primeiro abondaba con indicar onde se situaban as atraccións e facer unha descrición da ocupación, agora esíxese medir cada metro cadrado e detallar o número exacto de instalacións”.

O concelleiro recoñece tamén que “cada requirimento está a supoñer un custo que sae da partida de festexos, cartos de todos os veciños, son actuacións que se perden”, e apunta a que “nunca se esixiu tanto nin se demorou tanto unha decisión que debería limitarse a autorizar o que sempre se fixo: permitir que se celebren as festas de Ribeira no Malecón”.

Outros artigos

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.