A Pobra enriquece a súa oferta turística cunha ruta do mexillón en embarcación tradicional

08 Xullo 2025

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou este martes 8 de xullo a súa oferta de actividades turísticas. Trátase dunha proposta completa coa que “buscamos favorecer que os visitantes que se acheguen ao municipio nos meses de verán sexan algo máis que simples espectadores, converténdoos en parte activa de cada proposta”. Así o explicou a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, durante a presentación do programa. O deste ano contará con algunhas iniciativas xa consolidadas, como as saídas en veleiro ou as viaxes ás illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Porén, a isto hai que sumar unha nova experiencia: as rutas do mexillón en barco bateeiro.

Tal e como incidiu a concelleira, trátase dunha nova “experiencia inmersiva” coa que se procurará un dobre obxectivo: “Por unha banda, queremos poñer en valor o cultivo do mexillón, xa que é unha das actividades económicas máis importantes do concello. Para iso, contaremos cun guía acreditado que explicará como é o proceso desde o seu cultivo ata que o molusco acada o tamaño comercial”. Con todo, estas saídas incluirán tamén unha degustación “coa que enxalzaremos a riqueza gastronómica da Pobra, dándolles aos e ás visitantes a posibilidade de probar o mexillón e os nosos viños, que contan coa Indicación Xeográfica Protexida Terras de Barbanza e Iria”, sinalou a edil.

Para conseguir ambos obxectivos, o Concello organizará saídas nos meses de xullo (días 11, 17, 18, 24 e 25), en agosto (días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29) e en setembro (días 6 e 7). Estas levaranse a cabo ás 11.00, 13.00 e ás 17.00 horas cunha duración total de hora e media.

A maiores, a oferta contará coas viaxes guiadas pola ría de Arousa en veleiro, previstas para os sábados e domingos entre o 19 de xullo e o 24 de agosto. A maiores, o Concello celebrará as viaxes en catamarán ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que arrincaron en xuño e se prolongarán ata finais de agosto.

Así mesmo, como parte da oferta de turismo mariñeiro, non faltarán no verán as experiencias de marisqueo a pé. Trátase dunha experiencia que rexistra, ano tras ano, unhas boas cifras de participación e coa que o público pode coñecer o oficio do marisqueo, de gran importancia na Pobra. En xullo, estas terán lugar os mércores 9, 16, 23 e o xoves, día 31, mentres que en agosto se levarán a cabo os xoves 7, 14, 21 e o venres, día 29.

Outra das alternativas encadradas no calendario turístico serán as rutas guiadas polo río das Pedras. Serán o sábado, 26 de xullo ás 10.00 horas, e o xoves, día 14 de agosto ás 10.00 horas. Estas correrán a cargo dun guía que axudará ás persoas participantes a coñecer o valor natural e xeolóxico desta contorna. A iniciativa, pensada para persoas a partir de 12 anos, incluirá non só as explicacións do experto, senón tamén o traslado nun microbús para observar a panorámica desde o miradoiro de Valle-Inclán.

As persoas interesadas en anotarse nas distintas propostas poderán facelo na Casa Mariñeira (parque do Castelo) ou no correo turismo@apobra.gal. Así mesmo, poderán solicitar máis información nos teléfonos 671 090 262, no 687 482 835 ou no 981 843 280 (extensión 2035).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.