
Este sábado 28 de xuño vaise celebrar na Pobra a II edición da Choqueirada de Verán. Dará comezo ás 12.30 horas co seguinte programa: ás 12.30 horas, ruada de Latexo Percusión; ás 18.30 horas, actuación do grupo Rockolas; ás 20.30 horas, actuación de Leite con Jalletas; e ás 23.00 horas, concerto de Nebulossa e, a continuación, macrodisco móbil a cargo de EME-Music.
Logo do éxito acadado na edición inaugural, tanto en termos de participación como de repercusión, o Concello volverá celebrar esta tempada 2025 a súa Choqueirada de Verán. A cita, na que a música e os disfraces se converten nos grandes protagonistas, terá a Nebulossa como cabeza de cartel.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o edil de Mocidade, Eloy Sobrido, confían superar os números do ano pasado. O obxectivo, tal e como explicaron os edís, é ofrecer á veciñanza unha celebración “cultural singular e divertida” máis aló dos meses de xullo e agosto, cando hai unha maior actividade no municipio.
Os concelleiros explicaron que, tras o interese que se suscitou na Choqueirada de Verán do 2024, o Goberno local decidiu “redobrar a súa aposta por este evento ampliando o horario e a oferta de actividades”. Deste xeito, a diferencia que no 2024, a cita desenvolverase en horario de mañá e de tarde, entre as 12.30 horas e a madrugada.
Programación
O festexo arrincará o sábado, 28 de xuño, ás 12.30 horas, cunha ruada no que Latexo Percusión percorrerá as distintas rúas do municipio. O colectivo realizará un segundo pase ás 14.00 horas.
A programación retomarase pola tarde con dous concertos de grupos locais e tamén da comarca. A sesión vespertina comezará ás 18.30 horas coa banda de versións Ajencia Trivutaria, que actuará no Cantón da Leña. Ás 20.30 horas tomará a remuda o trío musical electro-acústico Leite con Jalletas na praza do Emigrante.
A música continuará ás 23.00 horas, momento no que o grupo Nebulossa subirá ao escenario da praza Alcalde Segundo Durán para interpretar algúns dos seus temas máis recoñecidos. Dentro do repertorio, non faltará Zorra, a canción coa que representaron a España no Festival de Eurovisión en 2024, nin tampouco outras como Venenosa, o seu último sinxelo. A Choqueirada de Verán concluirá cunha macrodisco móbil na praza Alcalde Segundo Duran a cargo de Eme Músic.



