A Asociación Boirense de Empresas (ABE) vén de formalizar a súa adhesión á campaña #SerESentir, unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña, a través da súa Área de Igualdade, co obxectivo de visibilizar e defender os dereitos do colectivo LGTBQIA+ e fomentar unha sociedade máis diversa, inclusiva e respectuosa.

A través desta adhesión, a ABE manifesta o seu “compromiso activo coa igualdade real e a liberdade de todas as persoas, tamén no ámbito empresarial e comercial, contribuíndo a construír espazos máis seguros, abertos e conscientes da diversidade afectivo-sexual e de xénero”.
Entre as accións que levará a cabo a entidade atópanse os seguintes:
-A inserción do báner oficial da campaña na súa páxina web (www.abe.gal), que enlaza á plataforma informativa www.seresentir.gal, onde se recollen materiais de sensibilización, recursos educativos e información sobre a iniciativa.
-A difusión da campaña nas redes sociais da asociación durante os próximos días, empregando os cancelos #SerESentir e #DeputacióndaCoruña, co obxectivo de concienciar á cidadanía e visibilizar o apoio explícito do sector empresarial local á diversidade.
-A colocación do cartel oficial da campaña na súa sede, como símbolo do compromiso coa igualdade e o respecto, acompañada da publicación dunha imaxe nas redes sociais co fin de visibilizar a adhesión da entidade.
-A vontade de trasladar esta campaña ao conxunto do tecido empresarial da vila, animando a outros negocios e entidades a sumarse á iniciativa e contribuír a estender a mensaxe de liberdade e inclusión.
-A colaboración na identificación e difusión doutras entidades locais que traballan pola igualdade, a diversidade ou a prevención da violencia de xénero, fortalecendo a rede social que promove esta campaña.
Segundo Tomás Estévez, xerente da ABE, “a adhesión a #SerESentir é unha mostra do noso compromiso cun modelo de sociedade no que os dereitos das persoas non se cuestionan, senón que se respectan, protéxense e visibilizan. O tecido empresarial non é alleo a isto: somos parte activa do cambio e debemos estar á altura”.
A campaña culminará cun acto simbólico conxunto en toda a provincia coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBQIA+, 28 de xuño, no que se procederá á lectura dun manifesto que reivindica o dereito a vivir con dignidade e liberdade, apostando pola visibilidade en todos os espazos sociais: cultura, medios, deporte, ámbito rural ou empresarial.
Con esta adhesión, a Asociación Boirense de Empresas reforza a súa aposta por unha economía con valores, que pon ás persoas no centro e que recoñece que o respecto á diversidade tamén é un motor de progreso social e económico.



