
Os bombeiros do Parque Provincial de Boiro foron requiridos este mércores 25 de xuño para a retirada dun niño de avespas velutinas no lugar de Pazos, na parroquia de Cespón, no concello de Boiro. O aviso deuno o 112 ás 17:40 horas, indicando que o niño atopábase na cornixa dun tellado e ao carón da ventá dunha habitación. O propietario da vivenda facilitou o acceso á vivenda ata unha xanela próxima ao niño para poder aplicar insecticida. Tras comprobar que non había actividade, procederon a retirar o niño.
Minutos máis tarde, sobre ás 18:08 horas, o 112 volveu alertar ao parque provincial doutro niño de avespas velutinas no concello de Boiro, concretamente en Aldea de Arriba, na parroquia de Castro. A persoa que alertou ao 112 indicaba que vía saír as avespas da fachada dunha vivenda pero non localizaba o niño. Ao chegar ao lugar dos feitos, os bombeiros acceden polo garaxe ata o interior comprobando que o niño achábase dentro da cámara da parede traseira, á altura do rasante. Así, procedeuse a aplicar insecticida a través dun burato polo que saían os insecto e, unha vez neutralizado o niño, tapar o oco.
Aviso na Pobra dun niño de abellas
Ademais, os bombeiros do Parque Provincial de Ribeira tiveron que desprazarse na tarde deste mércores ata a praza Maura, na parroquia de Caramiñal, no concello da Pobra, para a retirada dun niño de abellas. Foi ás 19:05 horas cando o 112 deu o aviso indicando que un particular avistara un niño de avespas velutinas na fachada dun edificio. Os bombeiros accederon ao interior da vivenda ata chegar ao tellado para comprobar ante que insecto se atopaban. Finalmente, os bombeiros confirmaron que se trataba dun niño de abellas e non de avespas velutinas, polo que informaron á persoa alertante de que non podían matalas e que precisaban notificarlle a situación ao Concello para decidir con que procedemento continuar. Os niños de abellas, pola súa máxima importancia ambiental, adoitan ser trasladados dende as zonas de risco a zonas seguros por profesionais cualificados.



