A AER di que o Concello desentendeuse da Feira do Automóbil Eléctrico e o Concello responde lembrando o seu apoio firme á patronal con 45.000 euros este ano

23 Xuño 2025
O primeiro tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño (segundo pola esquerda) e o alcalde, Luís Pérez Barral (no centro) na inauguración das actividades da feira o pasado venres 20

A Asociación de Empresarios de Ribeira (AER) emitiu un comunicado no que fai balance da actividade xerada esta pasada fin de semana pola súa Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico, sexta edición, celebrada na explanada da praza de España en Santa Uxía. En primeiro lugar a patronal agradeceu o apoio das empresas de automoción que participaron na nova convocatoria da mostra: “A súa presenza contribúe a que a nosa cidade figure en todos as noticias destes días pola relevancia que este evento ten, tanto é así, que no sábado recibimos a visita da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández”, sinalaron dende a AER, agradecendo tamén o apoio de cidadáns e visitantes.

Pola contra, os empresarios expresaron o seu malestar por, nas súas palabras, “a ausencia no día de onte, sábado 21, de calquera representante do Concello”, malia que “consideramos que a cita era o suficientemente importante para que ben o alcalde, convidado persoalmente, acudise a ela ou na súa falta enviase a algún membro do Concello que lle representase”.

E conclúen: “É por iso que pedimos ao señor alcalde pola relevancia e interese que ten para o noso concello e o seu tecido empresarial, teña a ben reservar na súa axenda un sitio para que a súa ausencia non sexa interpretada como falta de interese por estes actos que poñen repetimos, á nosa cidade no mapa industrial de Galicia”.

En resposta a este comunicado o Concello quixo achegar unha serie de datos que, segundo indican fontes do Goberno local, contradín as informacións que fundamentan as críticas. Respecto da suposta ausencia de integrantes do Executivo, sinalan que o venres 20, día de apertura da feira, estiveron presentes nos actos programados cos representantes institucionais o alcalde Luís Pérez Barral e o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, achegando en persoa o seu pleno apoio ao evento e ás actividades previstas no mesmo. Respecto da xornada do sábado, a da visita da conselleira, dende o Concello recoñecen “non ter sido avisados da visita institucional da conselleira por parte da Xunta”, ao que se engade un feito determinante: a celebración da inauguración estaba prevista para o día anterior, como é natural neste tipo de actos, non para a segunda das xornadas. O alcalde recoñeceu na súa resposta ás críticas que tivo constancia da visita da conselleira a Santa Uxía durante a celebración da XXIV edición da Regata FRINSA, na que os dous representantes políticos participaron, non antes. Tamén recordou que o apoio do Concello á Asociación de Empresarios é “firme e inquebrantábel”, e maniféstase, por exemplo nos 45.000 euros destinados este ano ás actividades da patronal, unha parte dos cales foi destinada á Feira de Automóbil Híbrido e Eléctrico.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.