A praza de España de Santa Uxía acolleu este venres 20 de xuño ao mediodía a inauguración oficial da sexta edición Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico, organizada pola Asociación de Empresarios de Ribeira, a AER, co apoio da Xunta, o Concello e a Deputación.
Na apertura das actividades participaron integrantes da directiva da patronal, incluído o seu presidente, Francisco Martínez Gude, ademais de membros do grupo de Goberno local, como o alcalde e o tenente de alcalde do Concello, Luís Pérez Barral e Vicente Mariño (respectivamente), membros da Corporación e o ex alcalde e actual senador Manuel Ruiz. Todos coincidiron en salientar a “visión de futuro” da AER, que foi quen de ver (xa hai seis anos) a necesidade de apostar, reivindicar e visualizar a vertente do mercado do motor máis respectuosa co medio ambiente.

A VI Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico de Ribeira desenvólvese entre este venres 20 e o domingo 22 de xuño xuntando na praza de España de Santa Uxía 120 vehículos de trece marcas diferentes, incluída (a xeito de novidade) unha marca que segue a ser referente mundial no sector: Tesla. A feira estará aberta ao público de xeito ininterrompido, desde as 11.00 ata as 20.00 horas, con entrada gratuíta.

Participan concesionarios locais, comarcais e de toda a Comunidade, ofrecendo demostracións, probas de vehículos e asesoramento sobre modelos, custes e financiamento.
Os empresarios destacaron a vertente dinamizadora da feira e a súa capacidade para impulsar a economía do concello e do Barbanza, atraendo centos de veciños e visitantes interesados nas grandes novidades do sector do motor e coa vantaxe de poder ver estas novidades (e probalas) in situ. De feito, os coches pódense probar con cita previa ou se están a disposición dos visitantes. Haberá vehículos novos, con quilómetro cero e xerencia.
Participan as seguintes marcas (un total de trece): Opel, Citroën, Fiat, Peugeot, Kia, Ford, BMW, Mercedes, Toyota, Audi, Seat, Skoda e Tesla. Estarán presentes once concesionarios: Citova, Royca-Car, Grupo Dunas, Motor Boiro, Amiocar, Louzao, Compostela Movil, Bonaval Premium Audi, Bonaval Motor, Bonaval Movil e Tesla Center Vigo.
