A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrou este sábado 7 de xuño a Noite Aberta Boiro 2025, unha cita que superou todas as expectativas, cunha resposta masiva da veciñanza e visitantes, converténdose xa, en palabras da patronal, “na mellor edición celebrada ata o momento”. O obxectivo foi novamente contribuír a dinamizar o tecido comercial de Boiro pero, tamén, achegar novas alternativas culturais e de lecer ao servizo da veciñanza.
Durante todo o día, máis de 30 negocios locais identificados con bandeiras rosas ofreceron descontos especiais, horario ampliado ata as 22:00 h e agasallos directos coas compras. As rúas estiveron cheas de ambiente, familias e actividade comercial nunha xornada que puxo en valor o tecido empresarial de Boiro.

Os datos achegados pola ABE reflicten o éxito da iniciativa:
-Máis de 400 tíckets de compra foron trocados na Ruleta da Sorte, con máis de 300 agasallos entregados.
-O resto das persoas participantes levaron flocos de millo ou brochetas de lambonadas como premio directo.
-O tren infantil contou cunha altísima participación: 485 viaxeiros.
-Repartíronse 415 brochetas de lambonadas e 525 bolsas de flocos de millo.
-As personaxes Mickey e Minnie visitaron os negocios participantes, repartiron lambonadas e fixéronse centos de fotos cos máis pequenos e pequenas.
-Os obradoiros infantís de reciclaxe, pulseiras e chaveiros rexistraron tamén unha gran afluencia de rapazada.

Desde a ABE agradeceron de “xeito especial aos negocios participantes pola súa implicación e aos centos de clientes que saíron a gozar da vila, facer as súas compras e vivir o comercio local dunha maneira diferente e divertida”.
A asociación destacou tamén “o traballo realizado na organización do evento, que unha vez máis demostra a súa aposta decidida por dinamizar o comercio de proximidade”.
A actividade contou coa colaboración do Concello de Boiro e o financiamento da Xunta de Galicia e coa participación da asociación BarbanTEA, presente cun posto informativo.




