
O Conservatorio de Noia presentou a axenda de actividades do programa Xuño Musical 2025: unha axenda chea de concertos e propostas musicais organizadas polo Conservatorio Municipal Felipe Paz Carbajal (coa colaboración dos Concellos de Noia e Lousame, da Asociación Cultural Prudencio Romo, da Banda de Música de Lousame, da Xunta e da Deputación), que encherán de arte e talento a vila de Noia durante as vindeiras semanas (até o 27).
Na presentación estiveron presentes o concelleiro de educación, Iván Lorenzo, o director do Conservatorio, Serafín Marcos, e o profesor Moncho Ces, quen destacaron o “gran traballo do alumnado e a importancia de seguir fomentando a cultura musical na nosa vila”.
Segundo informaron, este Xuño Musical contará coa participación doutros conservatorios e de moita xente vencellada ao mundo da música, colaboracións que, segundo sinalaron, “farán desta convocatoria 2025 unha edición moi especial”.
A axenda arrinca este luns 2 de xuño ás 20.30 horas no Coliseo Noela, cun recital a cargo de Beatriz Patrocinio (soprano) e Ángel González (piano).
O xoves 5 actuará no mesmo emprazamento (o Noela) o alumnado de grao elemental e de primeiro de profesional do Conservatorio.
O venres 6 a actividade trasladarase a Rianxo, á praza Rafael Dieste ás 18.00 horas, onde se celebrará o espectáculo Un bico un cantar, no que participa o alumnado de grao elemental e coro do Conservatorio de Noia.
O venres 6 tamén haberá un concerto no Local Social Municipal da Barquiña (Noia), ás 20.00 horas, co alumnado de solistas do Conservatorio de Noia.
O xoves 12 volveremos ao Coliseo Noela, onde se celebrar o concerto de graduación de grao profesional do Conservatorio, a partir das 20.30 horas.
O día 19 de xuño, tamén no Noela, o alumnado de 2º a 5º de grao profesional achegará un novo concerto.
O venres 20 ás 20.30 horas a praza do Concello de Lousame acollerá un concerto da orquestra, banda e coro do Conservatorio de Noia e da Banda do Concello de Lousame.
O broche de ouro será o 27 de xuño: ás 23.00 horas celebrarase o Concerto dos Balcóns, un espectáculo único que terá lugar na fachada do Casino de Noia, con proxeccións, música en vivo e “algunha que outra sorpresa”. Participa o alumnado de orquestra, banda e coro.




