O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da Reserva Ecoturista da España Verde, o novo produto turístico que promove o ecoturismo sustentable no norte peninsular. A Xunta de Galicia liderou a coordinación desta iniciativa que reúne máis de 30 experiencias temáticas en espazos naturais de costa e interior, con máis de 100 empresas galegas implicadas.

No acto tamén estivo presente a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, quen destacou a importancia de combinar conservación ambiental con desenvolvemento económico local.
Segundo explicou Merelles, a Reserva Ecoturista é o “produto temático de ecoturismo máis relevante de España”, desenvolvido en 25 espazos naturais protexidos das comunidades que integran a marca España Verde: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Moitos destes espazos están recoñecidos pola UNESCO como Reservas da Biosfera.
A proposta nace ao abeiro do Corredor de Ecoturismo da España Verde, financiado con 938.000 euros dos fondos europeos Next Generation, e contou coa colaboración de 385 axentes, entre eles 331 empresas turísticas (aloxamentos, guías, empresas agroalimentarias, etc.) e 55 entidades locais (concellos, grupos de acción local e xestores de espazos naturais).
Galicia, protagonista con seis espazos naturais
A comunidade galega achega seis espazos emblemáticos á nova Reserva Ecoturista:
- Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
- Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
- Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel
- Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá
- Río Eo, Oscos e Terras de Burón
- Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel
Merelles salientou tamén o labor desenvolvido xunto á Asociación de Ecoturismo de España e puxo en valor a implicación das empresas galegas: máis de 100 xa forman parte desta iniciativa. Ademais, anunciou a creación dun panel con preto de 30 experiencias variadas, que abranguen desde observación de fauna e rutas de natureza ata talleres artesanais, etnografía e turismo científico.
Entre os fitos do proxecto destacou o programa de formación en ecoturismo, o apoio á certificación de máis de 300 empresas e o lanzamento inminente dun plan de comunicación online que verá a luz este mes.
A presentación oficial da Reserva Ecoturista terá lugar o 28 de maio en Madrid e poderá seguirse en directo por streaming a través dos canais oficiais de Turespaña.



