
A alcaldesa de Muros, María Lago, emitiu un comunicado no que lamenta a resposta do Goberno galego en relación coa demanda do Concello e da veciñanza para solucionar as eivas no servizo de pediatría do Centro de Saúde muradán. A rexedora di que o concelleiro de Sanidade, Anonio Gómez Caamaño, “limitouse a evadir culpas achacando a responsabilidade a outras administracións”.
“As competencias de sanidade son da Xunta, non do Goberno central”, sostén Lago, que manifesta ademais a súa sorpresa “polas declaracións do conselleiro na súa carta de resposta ás miñas peticións, xa que asegura que a asistencia sanitaria en Muros está garantida”.
“Se as familias teñen que ir a Noia ou Outes cando non hai pediatra para os seus fillos de 0 a 3 anos, iso non é garantir a asistencia sanitaria”, afirmou Lago, lembrando que “o Centro de Saúde ten asignados dous pediatras e o único que pedimos é que se substitúa ao profesional que está de baixa desde hai máis dun ano”. Engadiu que “o conselleiro traslada ademais a responsabilidade aos médicos de familia, que son grandes profesionais que xa contan cunha considerábel carga de traballo; incluír os pacientes pediátricos no seu cupo o que vai facer e empeorar a situación tamén deles”.
Para a alcaldesa, “a concentración do pasado sábado deixa claro cal é a opinión da veciñanza de Muros, polo que lamento que a postura da Xunta sexa dicir que non pasa nada e, en todo caso, que a culpa non é deles”.



