
Boiro acolle este sábado 26 de abril a XXXVII Promoción do Ciclismo de Boiro, Gran Premio Ricardo Riveiro, unha proba organizada polo Club Ciclista Barbanza. Na presentación da proba participaron o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; o representante da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez; o Presidente do Club, Ricardo Riveiro; e o membro do club, José Ramón Torrado.
Torrado explicou o desenvolvemento da proba, “na que está previsto que participen uns 350 rapaces e rapazas nas categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes, júnior féminas e ciclismo inclusivo”.
Ademais dos circuítos de estrada, a proba contará cun circuíto cerrado, instalado na praza de A Boqueira de A Negral, para as categorías inclusivo, promesas e principiantes.
A categoría de alevíns, cun percorrido de 5,5 quilómetros, será a primeira en saír e farao ao 15.30 horas. A saída farase dende a Avenida da Constitución dirección Exipto pola DP-1106 para pasar por Graso e o Saltiño. Tomará dirección Boiro pola avenida de Barraña, as rúas Empresario Jesús Alonso e Salvador Allende.
A seguinte carreira en saír será a de infantís, de 13.5 quilómetros, que partirá da avenida da Constitución e tomará dirección Exipto pola DP- 1106 chegando ata Triñáns, Romarís e Fonte do Mouro; tomará dirección Carragueiros para volver pola DP-1107 dirección Barraña e regresará á meta por Salvador Allende. Esta proba está previsto que remate arredor das 16.40 horas.
A carreira mais longa, de 51 quilómetros, sairá da avenida da Constitución pola avenida de Compostela e a rúa Principal dirección Exipto pola DP-1106 e percorrerá a AC 305 por Ponte Beluso dirección Rianxo, regresando ao termo municipal por Vilariño e Espiñeira para volver tomar dirección Boiro pola DP-1105, pasando por Ponte Goiáns ata Praia Xardín para regresar á meta na avenida de Compostela arredor das 19.00 horas.
Esta proba puntúa para a Copa Galicia do Porvir. O representante da Federación, Óscar Sánchez, felicitou ao Club Ciclista Barbanza “pola súa implicación no ciclismo, converténdose nun club de referencia e cunha gran canteira”. Ricardo Riveiro recoñeceu que se sentía moi “agradecido e moi contento pola actividade que desenvolve o club para seguir apostando polo ciclismo”.
Para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento da proba deportiva, na mañá deste 22 de abril celebrouse tamén unha xunta de seguridade onde se determinaron os cortes de rúa e limitacións de estacionamento. Deste xeito, non estará permitido estacionar na Avenida da Constitución, no treito comprendido entre a rotonda da avenida de Compostela e a Avellaneda.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, agradeceu ao Club Ciclista pola celebración das distintas actividades que desenvolven ao longo do ano, “todas elas pero esta en especial é un claro exemplo da aposta que o club fai polas categorías base do ciclismo, que son un orgullo deporte boirense”.



