
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) lanzou un casting aberto para atopar as familias protagonistas da súa nova campaña de promoción do comercio local. Baixo o lema Dá a cara polo comercio local, a iniciativa pon o foco na transmisión interxeracional do costume de mercar nos negocios de proximidade. En palabras da patronal de empresas de Boiro, o obxectivo é “visibilizar a importancia que teñen nais, pais, avós/as e bisavós/as na educación das novas xeracións sobre o consumo responsábel e o apoio ao comercio de sempre”. A campaña contará con fotografías e vídeos promocionais que se difundiran tanto en formato dixital como físico.
“Queremos contar con familias reais, que fagan da compra local un costume e un valor que se transmite de pais a fillos. Esa é a forza do noso comercio: a confianza, a tradición e o trato humano”, sinala o presidente da ABE, Daniel García.
Poderán participar familias formadas dende dúas ata catro xeracións (bisavó/ oa, avó/a, fillo/a e neto/a) que vivan en Boiro ou que teñan un vínculo habitual cos seus negocios.
Para presentarse ao casting deberán enviar: unha foto conxunta das xeracións participantes, os seus nomes e idades e un teléfono de contacto.
O prazo para enviar as candidaturas remata o domingo 4 de maio. Entre todas as propostas recibidas, seleccionaranse seis familias que participarán nunha sesión de fotos e vídeo profesional. As súas imaxes converteranse nas protagonistas visuais da campaña. Ademais, cada familia escollida recibirá unha Caixa de Bonos ABE valorada en 50 € para gastar nos negocios locais asociados.
Unha campaña presente nas rúas e nas redes
A ABE confirmou que a campaña terá presenza en soportes dixitais e físicos. No espazo urbano, o público atopará as xa coñecidas e recoñecíbeis pancartas de gran formato polas rúas de Boiro, un soporte habitual nas accións da ABE que xa forma parte da paisaxe do municipio. De xeito paralelo, o contido será difundido tamén a través das redes sociais da asociación e medios dixitais.
Por un Boiro “vivo e con futuro”
Con esta campaña, a ABE busca “reforzar o papel social e económico do comercio local, destacar o seu valor cultural e recoñecer o compromiso das familias que o apoian cada día”.



