O novo goberno de Outes aproba os seus primeiros orzamentos cun pleno marcado pola tensión coa oposición

12 Abril 2025

O novo executivo local de Outes, encabezado por Francisco Calo, conseguiu sacar adiante os primeiros orzamentos do mandato nun pleno que evidenciou a fractura coa oposición. As contas, que ascenden a 6,7 millóns de euros, foron aprobadas sen o apoio dos grupos de Compromiso por Outes nin do BNG, que criticaron duramente o que cualificaron como unha situación “insostible” no goberno local pola presenza dun “concelleiro tránsfuga”.

A responsable de presentar o proxecto foi a concelleira de Facenda, Beatriz Molinos, quen explicou que o documento ten como base os orzamentos que deixara preparados o anterior goberno antes da moción de censura, aínda que foron introducidas modificacións para adaptarse ás necesidades actuais. Un dos exemplos mencionados foi o incremento de 27.000 euros no servizo de axuda no fogar (SAF), unha partida que, segundo indicou, estaba “xa esgotada antes da súa aprobación”.

Molinos defendeu o axuste noutros capítulos para priorizar servizos considerados esenciais: “Fixemos un reparto global dos recursos, non por cotas”. Neste sentido, lamentou o rexeitamento da oposición a unhas contas “que vostedes mesmos din que son unha copia das súas”.

Desde Compromiso por Outes, o voceiro Manuel González recoñeceu que as contas manteñen “as grandes cifras” do seu proxecto de febreiro, pero xustificou o seu voto en contra polas modificacións introducidas. Entre as máis criticadas, destacou a redución do investimento en infraestruturas deportivas, que pasa de 78.000 a 29.000 euros: “O investimento neste eido vai ser inferior ao salario que recibe o concelleiro que ten como única competencia a de deportes”.

Tamén cuestionou que se aumente o gasto en festexos, ao tempo que o goberno fala dunha mala situación económica no Concello.

Na mesma liña, o voceiro do BNG, Anxo Núñez, asegurou que “non podemos apoiar uns orzamentos que amparan unha situación insostible coma a deste goberno cun concelleiro tránsfuga”. Criticou ademais que se atrasase a aprobación das contas, xa elaboradas previamente, o que podería pór en risco a obtención de subvencións: “Parécenos grave que se fixera iso só para salvagardar o seu relato da moción de censura”.

Pola súa banda, Antonio Caamaño, edil no centro da polémica, tomou a palabra para replicar: “A día de hoxe a miña situación neste goberno é totalmente legal”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.