O concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar da Deputación da Coruña entrega este domingo 6 de abril (ás 18.00 horas) os premios da edición 2025. Lembrar que entre as finalistas atópase a banda The Escarabots, de Boiro, formada por rapazada do CEIP de Escarabote.

A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza e, alén das actuacións dos grupos e solistas que chegan á final, contará tamén sobre o escenario coa solista convidada Daniela Montes, gañadora na categoría xuvenil do Quero Cantar na anterior edición. A asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma Ataquilla.com).
As finalistas desta VIII edición do Quero Cantar foron seleccionadas por un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música. Nesta ocasión, a complexa decisión tocoulle a:
Tanxugueiras: Aida, Sabela e Olaia. En palabras da Depuación, Tanxugueiras é “unha auténtica revolución na música tradicional galega que adaptan a estilos actuais para darlle una nova vida, protagonistas de concertos masivos e históricos, millóns de reproducións en redes e proxectando a nivel estatal a lingua galega como nunca antes no eido musical”.
Hugo Guezeta. Destaca, sinala a organización de Quero Cantar, “polas súas letras de alto carácter reivindicativo”, Hugo é “un artista completo e versátil, un dos rapeiros e letristas máis importantes do panorama musical galego”. Logo do éxito co grupo SonDaRúa, consolida agora o seu proxecto en solitario.
Jose Carballido. Compositor, cantante e guitarra en proxectos como A Sombra dos Soños ou Khitara, compaxina a súa carreira artística co traballo de mestre de música no CEIP de Caión. Actualmente participa ademais no concurso Recantos do programa Luar da TVG.
O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, actuando como secretaria a xefa da área de Cultura da Deputación da Coruña, Manuela Muñiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso. Organización e xurado salientaron o éxito de convocatoria dun concurso xa consolidado e subliñaron a creatividade e calidade das pezas presentadas en ambas as dúas categorías.
Lembrar que Quero Cantar contempla dúas modalidades: infantil (ata 12 anos con presenza dunha persoa adulta), e xuvenil (de 13 a 16 anos). Na gala final, o xurado estará integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

Finalistas na categoría infantil
Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos The Escarabots, de Boiro; Libres, de Ourense e Gael Ares, de Fene:
Libres é un grupo formado por Alejandra, Lola, Eiden, Enzo, Sandra, Isabella, Paula, Hugo, Andrea, Elías e Sara, alumnado do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, coa peza titulada Libre, da autoría do docente Anxo Fernández.
Gael, de Fene, ten 11 anos e dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de‘Bule-bule, a peza que presenta a concurso. Toca, entre outros, a gaita e o contrabaixo.
The Escarabots colle nome do CEIP de Escarabote (Boiro), onde estudan Nerea, Daniela, Xiana, Adriana, Iago, Ernesto, Aitana e Sarela, o alumnado integrante do grupo. Canda eles, o mestre de música do centro, Diego Bello Magán, compositor desta peza, Agora sei nadar, que fala da superación do caso escolar. O tema fala da superación do acoso escolar por parte dun neno/a da idade do alumnado. Pretende unha mensaxe positiva, superando as dificultades desde o amor propio. A composición está realizada para voces escolares, baixo eléctrico, piano, guitarra, batería e violíns, instrumentos que abrangue o alumnado integrante do grupo. Os compoñentes do grupo son: Nerea Lorenzo Romero, Daniela Fernández Lapido, Xiana González Otero e Adriana Ferreiro Bermúdez (voces), Iago Romero Guitián (teclado e voz), Ernesto Pedroso Cotos (baixo eléctrico), Aitana Castelo Vilasoa e Sarela Romero Guitián (violíns), e Diego Bello Magán (teclado e saxofón). Respecto ao mestre do alumnado, Diego Bello Magán é un músico e compositor de longa traxectoria. Natural de Padrón, comeza os seus estudos musicais con tan só 5 anos de idade co ilustre músico vasco Tomás Beteta Yarza. Aos 10 anos xa exercía de saxofón solista na Banda de Música de Padrón e compaxinaba os estudos musicais entre a Escola Municipal e o Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Na actualidade imparte docencia no CEIP de Escarabote (Boiro) compaxinando o labor compositivo, a impartición de formación (CAFI), charlas e coloquios así como a actividade da Asociación Madixiga, da que é membro fundador e nas que vén de publicar varios libros didácticos enfocados á ensinanza da Música e Danza nos centros educativos.
Finalistas na categoría xuvenil
Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas de Escribe as túas propias cancións. Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. Esta peza, Preto de ti, reflicte a súa visión artística e evolución musical.
WildFire, grupo rock con trazas do grunge e do metal, está formado por Uxía García Carneiro na voz, Nora Lora Castro na guitarra eléctrica, Maya Sáez Sandoval no teclado e Uxía Romero Yáñez na batería. As catro estudan 3º da ESO no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Compuxeron Ladroas inspirándose nun caso persoal de micromachismo no eido musical.
Interestelares é un grupo formado en Cangas por Loaira, Tomé, Martín e Leire, que na edición anterior do Quero Cantar xa conseguiron o segundo posto na categoría xuvenil. A amizade, compromiso social, amor pola lingua e cultura propias ou a natureza, son temáticas que inspiran a música da banda expresada no seu pop-rock. Nesta ocasión presentan a peza Vai calor.



