Queremos Galego anunciou en rolda de prensa a convocatoria de manifestación para o 17 de maio, que concluirá cunha foliada pola lingua na praza do Obradoiro de Santiago. “Será unha homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras”, afirmou a coordinadora da plataforma, Celia Armas, “resistindo a todos os intentos de apagala”.
Queremos Galego fai un chamamento ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a participar na grande foliada pola lingua e anima a todas as persoas que participen na manifestación a traer as súas pandeiretas. “Fronte aos enganos e mentiras da Xunta para manter a exclusión do galego e o desmantelamento da súa oficialidade”, sinalou Armas, “mostraremos cantando e bailando, a forza do pobo galego e da súa lingua”.




