O concello de Porto do Son está este días de loito tras coñecerse o falecemento de don Francisco Olveira Santos, que foi director da histórica Banda de Música de Caamaño ao longo de máis de 50 anos e que recentemente (neste mes de xaneiro) foi homenaxeado pola súa parroquia (Caamaño), polo Concello e pola xente toda de Porto do Son en recoñecemento de toda a súa carreira ao fronte da banda de música sonense, desde o ano 1968.
A Banda de Música de Caamaño, un dos grupos de cámara máis antigos de Galicia, naceu no ano 1912, fundado por Manuel Olveira Paz, pai de Francisco. José Olveira Santos, irmán de Francisco, foi a segunda persoa que se puxo á fronte da agrupación que, posteriormente, deu o relevo a Francisco que levaba até o de agora, desde hai 56 anos, dirixindo a banda.
Dende o Concello o equipo de Goberno emitiu un comunicado no que mostra o seu profundo pesar polo pasamento de Francisco Olveira. “Sen lugar a dúbidas, o mundo da nosa cultura e da nosa música perde a un dos seus máximos representantes, a un artista incansable, a un loitador nato, a un traballador valente, fiel e marabillosamente inmenso. Dende o Concello de Porto do Son queremos enviar todo o noso afecto, forza e cariño á súa familia, amizades e compañeiros/as da música en xeral e á Banda de Caamaño en especial. O noso máis sincero pésame”.




